div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

'Monstro', participada pola TVG, chega ao Festival de Cine de Sevilla

A nova longametraxe de Andrés Goteira, protagonizada por Antonio Durán ‘Morris’ e Iván Marcos, foi seleccionada para competir na sección ‘Embrujo’

A película foi rodada en diversos municipios da provincia de Lugo nunha paisaxe que se converte en elemento fundamental da narración 

csag.gal 28/09/2026 16:17

Santiago, 28.09.2026.-     A cinta ‘Monstro’, dirixida polo galego Andrés Goteira e participada por Televisión de Galicia, foi seleccionada para competir na sección ‘Embrujo’ do Festival de Cinema Europeo de Sevilla, categoría que está dedicada ás visións máis singulares, atrevidas e innovadoras do cinema europeo contemporáneo.

Rodada en diversos municipios da provincia de Lugo, ‘Monstro’ converte a paisaxe galega nun elemento fundamental do filme, en que un home chega a unha casa illada en plena natureza e decide instalarse alí. Moi preto áchase un bosque misterioso habitado por unha criatura ancestral. As localizacións naturais da cinta, os bosques e as contornas rurais en que se rodou contribúen a construír o universo misterioso e illado no que se desenvolve a historia. 

Producida por Gaitafilmes en coprodución con Mordisco Films e Indígena Films, ‘Monstro’ dá continuidade á traxectoria de Andrés Goteira, cineasta que debutou na longametraxe con ‘Dhogs’ (2017), filme que gañou o Premio Mestre Mateo á mellor película, entre outros galardóns, e tivo un amplo percorrido en festivais nacionais e internacionais. Nesta nova película, protagonizada por Antonio Durán ‘Morris’ e Iván Marcos, Goteira afonda na súa exploración artística a través dunha obra que mestura o fantástico co experimental, apoiándose fortemente na imaxe, na fotografía e nas técnicas cinematográficas.

O propio Festival de Cinema Europeo de Sevilla destaca o filme como un proxecto audaz que “prioriza a imaxe, a fotografía e as técnicas cinematográficas” e que “combina maxistralmente o fantástico e o experimental na súa busca esencialista”. Esta selección en Sevilla supón un novo recoñecemento para unha produción galega apoiada polos medios públicos galegos, unha proposta que aposta polo cinema de xénero libre de convencións, ofrecendo unha experiencia cinematográfica en que a imaxe, a paisaxe e a atmosfera cobran o protagonismo.

O proxecto conta co financiamento da Xunta de Galicia e do ICAA, así como coa participación de RTVE e a CSAG.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade