'Nacer de Novo' celebra os seus 2.000 programas cunha entevista exclusiva este domingo ao cantautor Juan Luis Guerra - CSAG
'Nacer de Novo' celebra os seus 2.000 programas cunha entevista exclusiva este domingo ao cantautor Juan Luis Guerra
Conversará co director e presentador, Xaime Fernández Garrido, e xuntos interpretarán algunhas das súas melodías máis coñecidas e falarán das súas experiencias persoais e do seu agarimo por Galicia
Durante as vindeiras semanas e ata o 24 de maio, ofreceranse máis edicións especiais do que é o espazo máis antigo de todas as televisións europeas,
con case 40 anos de emisión ininterrompida

Santiago, 01.05.2026.- O espazo ‘Nacer de Novo’ continúa celebrando este primeiro domingo de maio os seus 2.000 programas en antena cunha nova edición especial, que consistirá nunha entrevista exclusiva a Juan Luis Guerra.
O cantautor dominicano conversará co director e presentador do programa, Xaime Fernández Garrido, e xuntos interpretarán algunhas das súas melodías máis coñecidas e falarán das súas experiencias persoais e do seu agarimo por Galicia. O programa rematará co vídeo da canción ‘Nada me separará de ti’.
Esta serie de especiais polos 2.000 programas continuará durante as vindeiras semanas e terá o seu colofón o próximo 24 de maio cunha entrega máis longa, dunha hora de duración.
‘Nacer de Novo’ é o programa máis antigo de todas as televisións europeas, con case 40 anos de emisión ininterrompida. Ademais, é o espazo relixioso pioneiro nas televisións autonómicas. De feito, o programa de TV3 chámase ‘Neixer de nou’, en honor a el. Ao longo destas 2.000 semanas, máis de 40.000 persoas chamaron para seren axudadas en diferentes situacións.