'O amor está en Galicia' recala en Ferrol con catro novas citas cheas de emoción, retranca e conexións inesperadas - CSAG
'O amor está en Galicia' recala en Ferrol con catro novas citas cheas de emoción, retranca e conexións inesperadas
Unha suboficial da Armada, entre unha nova remesa de solteiros, busca esta noite o amor nunha cidade marcada polo mar e a tradición naval

Santiago, 25.3.2026.- O programa ‘O amor está en Galicia’ (22:40 h) fai parada en Ferrol cunha dobre entrega que combina historias vitais moi diferentes, pero co mesmo obxectivo de atopar unha conexión real. Nunha cidade marcada polo mar e pola súa tradición naval, o formato propón catro citas a cegas que transitan entre a emoción, o humor e a retranca galega, nun escenario cargado de simbolismo.
Na primeira entrega, a praza da Constitución, no corazón do barrio da Magdalena e coa Armada como pano de fondo, acolle a historia de Fernanda, suboficial de 44 anos que busca unha relación baseada na complicidade e nos pequenos momentos. A súa cita será con Julián, un home espiritual e deportista disposto a deixar fluír as emocións. Pola súa banda, Paulina, veciña de Cospeito, chega animada pola súa contorna para darse unha nova oportunidade no amor, fronte a Joaquín, un coruñés cunha visión moi particular das relacións que non deixará indiferente a ninguén.
Na segunda entrega, ‘O amor está en Galicia’ regresa a Ferrol cunha xeración completamente distinta: catro solteiros novos, nacidos despois do ano 2000, que afrontan o amor desde unha perspectiva máis libre, diversa e consciente. Desde a praza de Armas, o programa presenta dúas novas citas.
Na primeira, Lúa, integradora social viguesa e apaixonada do fútbol, coñece a Yael, enxeñeira de deseño industrial cunha forte conexión co mar. Ambas buscan compartir tempo de calidade nun encontro que aposta pola autenticidade e a naturalidade. Na segunda cita, Nuria, monitora de Culleredo que reivindica a súa independencia emocional, coñece a Yonatan, auxiliar de enfermaría de Ferrol e expiragüista de alto nivel, decidido a construír unha relación sincera tras experiencias pasadas.
Con humor, emoción e unha ollada posta nas relacións actuais -desde a importancia do espazo persoal ata os ‘red flags’ e ‘green flags’-, o programa debuxa un retrato xeracional en que o amor se entende doutra maneira, máis honesta e consciente. Ferrol convértese así nun escenario de encontros, onde historia e mar acompañan a busca de atopar alguén con quen compartir o camiño. Conseguirán estas parellas prender a chispa?
