'Palmira Lará' vai hoxe ao APOI na procura de Dorothé Schubarth e estará co gaiteiro Martiño dos Garceira - CSAG
'Palmira Lará' vai hoxe ao APOI na procura de Dorothé Schubarth e estará co gaiteiro Martiño dos Garceira
Outra das protagonistas do programa desta semana será a cantante Fátima Pego, que aprendeu a tocar a pandeireta coa súa avoa, Josefa de Bastavales

Santiago, 8.6.2026.- A Televisión de Galicia ofrece esta noite a segunda entrega de ‘Palmira Lará’ (22:45 h), programa que segue as aventuras de Miguel e Leticia, dous profesores de música e baile tradicional, polas aldeas, vilas e cidades galegas para coñecer as vidas e as historias da xente que mantivo viva a tradición.
Nesta ocasión, Leticia quere visitar o APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade) do Museo do Pobo Galego para ver os arquivos de Dorothé Schubarth. Pola súa parte, Miguel conseguirá o contacto dun gaiteiro dos de antes, Martiño dos Garceiras, para motivar a Leticia a retomar o instrumento.
Para rematar experiencia de hoxe, visitarán en Santa Comba a María e as súas veciñas coa cantante Fátima Pego, quen aprendeu a tocar a pandeireta coa súa avoa, Josefa de Bastavales.
A música tradicional galega convértese na protagonista de ‘Palmira Lará’, espazo que mestura viaxe, memoria e identidade cultural. Inspirado no espírito de ‘Alalá’ e cun formato de road trip, o programa acompaña a Miguel Lesta e Leticia Rei, dous profesores de baile tradicional e divulgadores da nosa cultura, que levan anos percorrendo Galicia na recollida e recompilación das cancións, bailes e historias, transmitidas de xeración en xeración.
