'Pretty Rober' achega hoxe algunhas das situacións máis divertidas no eido das parellas e da televisión - CSAG
'Pretty Rober' achega hoxe algunhas das situacións máis divertidas no eido das parellas e da televisión
A TVG ofrece unha selección de sketchs inspirados no universo das relacións e nalgúns espazos televisivos, coa participación de artistas moi coñecidos pola audiencia e cos personaxes máis populares do ‘Land Rober’

Santiago, 13.8.2026.- A TVG propón para este xoves á noite unha nova entrega de ‘Pretty Rober’ (22:00 h), un espazo que recompila algunhas das escenas máis divertidas do universo humorístico do ‘Land Rober’. Nesta ocasión, os sketchs xirarán arredor de dúas temáticas moi propicias para a comedia, o estado civil e a televisión.
Os espectadores poderán gozar de situacións disparatadas relacionadas co mundo das parellas, os estados de casado, solteiro, viúvo e tamén buscando mozo ou moza para un apaño, así como das versións de espazos televisivos populares, con divertidas historias ambientadas na festa dun ‘Vaia verbena’, nas parellas en ‘Last dates’ e ‘Primeiras citas’, nos concursos con ‘Agárrame se podes’ e ‘50 x 15’, ou mesmo o misterio de ‘Cuarto trienio’.
Nesta escolma de humor cómpre salientar a participación dalgúns artistas e presentadores coñecidos pola audiencia, como Susi Caramelo, Manu Sánchez, Paco Lodeiro, Arévalo, Malena Gracia e Víctor Fábregas, nunha velada pensada para seguir gozando do mellor da factoría de Roberto Vilar.
