div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

'Sexo con senso' e 'BenLidos', novas apostas de divulgación e servizo público para AGalega.gal

Os dous formatos, seleccionados na última convocatoria de contidos dixitais da CSAG, incorpóranse á oferta da plataforma con estreas semanais ata novembro e decembro

A programación complétase con novas propostas cinematográficas como ‘Dous bos nachos’, ‘Crónica dunha relación pasaxeira’, ‘A herexía laranxa queimada’ e ‘Rose’

csag.gal 02/10/2026 11:30

Santiago, 02.10.2026.-  A plataforma AGalega.gal incorpora nos vindeiros días novos contidos de divulgación e servizo público, entre os que destacan as estreas de ‘Sexo con senso’ e ‘BenLidos’, dous formatos seleccionados na última convocatoria de contidos dixitais da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG). As novas propostas súmanse á programación habitual da plataforma, que continúa ampliando a súa oferta con emisións deportivas, contidos de produción propia e novas estreas cinematográficas.

A primeira novidade chegará hoxe, 2 de outubro, coa estrea dunha nova tempada de ‘Sexo con senso’, o espazo presentado pola matrona e divulgadora Lidia Lestegás. O programa aborda cuestións relacionadas coa sexualidade, o desexo, as relacións e o pracer desde unha perspectiva próxima, rigorosa e libre de tabús. O capítulo inaugural estará dedicado á diversidade sexual e afondará nas diferentes formas de vivir a sexualidade, así como en aspectos vinculados á identidade, á orientación e á expresión sexual. O formato ofrecerá unha nova entrega cada semana ata o 6 de novembro.

Ese mesmo día incorporarase tamén ao catálogo da plataforma o filme ‘Dous bos nachos’, unha comedia de acción protagonizada por un detective privado e un matón a soldo que unen forzas para investigar a desaparición dunha activista medioambiental. A película estará dispoñible durante 30 días.

A programación cinematográfica continuará o sábado 3 coa chegada de ‘Crónica dunha relación pasaxeira’, unha historia sobre unha nai solteira e un home casado que deciden manter unha relación sen compromiso, pero que acabarán descubrindo unha conexión que cuestiona as condicións pactadas inicialmente.

Cómpre salientar a estrea de ‘BenLidos’ (xoves 8), presentado pola xornalista Alba Mancebo. O programa achegará de maneira breve e divulgativa os libros de lectura obrigatoria nos institutos galegos, ofrecendo explicacións, curiosidades e claves para facilitar a comprensión das obras e fomentar o interese pola lectura. O primeiro capítulo estará dedicado a ‘O único que queda é o amor’, de Agustín Fernández Paz, galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2008. A serie contará cunha nova entrega semanal ata o 17 de decembro.

Ao día seguinte, ‘Sexo con senso’ (venres 9) continuará a súa nova tempada cun capítulo centrado nos comportamentos sexistas nas relacións sexuais, co obxectivo de ofrecer ferramentas para identificalos e promover relacións baseadas na liberdade e na igualdade. Ademais, AGalega.gal incorporará ao seu catálogo o thriller ‘A herexía laranxa queimada’, ambientado no mundo da arte.

A oferta de estreas completarase o sábado 10 coa chegada de ‘Rose’, unha película ambientada a finais dos anos noventa que relata a viaxe a París dunha muller que vive nun centro psiquiátrico xunto coa súa irmá e o seu cuñado, unha experiencia que porá a proba a convivencia e a relación entre os tres protagonistas. Permanecerá dispoñible na plataforma durante 30 días. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade