'Talentos Extraordinarios' reúne este domingo os finalistas máis destacados da súa primeira etapa - CSAG
'Talentos Extraordinarios' reúne este domingo os finalistas máis destacados da súa primeira etapa
A TVG ofrece unha selección das actuacións que conquistaron o xurado e o público nas cinco primeiras galas do concurso presentado por Laura Boado

Santiago, 19.7.2026.- A TVG ofrece este domingo á noite (22:00 h) unha entrega especial de ‘Talentos Extraordinarios’, que lles permitirá aos espectadores revivir algunhas das actuacións máis emocionantes e sorprendentes das cinco primeiras galas do programa.
Presentado por Laura Boado e coa participación de Antonio Garrido, María Mera e David Perdomo como xurado, o programa reúne sobre o escenario unha ampla variedade de disciplinas, desde a música e a danza ata a maxia, o humor, as acrobacias ou as habilidades máis inesperadas. Unha selección coa que a audiencia volverá gozar das principais actuacións de ‘Talentos extraordinarios’.
Entre eles estarán a formación viguesa Familia Addams, integrada por rapaces de entre 10 e 11 anos da academia Media Punta, que sorprendeu coa súa proposta de danza; o mentalista Antón Noriega, de Vilalba, que decidiu converter a maxia na súa profesión; ou a nova cantante Dannia, de Lobios, que con só 10 anos destacou pola súa voz e a súa interpretación.
O programa recuperará tamén o talento do baterista Ariel Echeverry, de Monforte, quen con 9 anos é un amante do punk-rock; a enerxía e capacidade de improvisación musical de Charlie, artista coruñés de 74 anos; a impresionante habilidade de Teo e Daniel, dous irmáns lucenses expertos en resolver cubos de Rubik en cuestión de segundos; e a voz de Naro, cantante viguesa que compaxina a súa profesión de enfermeira coa creación das súas propias cancións.
Ademais deste percorrido polos talentos que se clasificaron para a final, a entrega incluirá algunhas actuacións doutros participantes que acadaron o apoio unánime do xurado. Tamén como adianto, o concurso achegará unha pequena mostra dalgúns dos números que formarán parte da seguinte gala, cuxa emisión está prevista para o domingo 26 de xullo.