A CRTVG emite este luns o debate electoral no marco da campaña dos comicios europeos do 9 de xuño - CRTVG
A CRTVG emite este luns o debate electoral no marco da campaña dos comicios europeos do 9 de xuño
Será emitido pola primeira canle de TVG, na Radio Galega, o portal G24.gal e a plataforma dixital AGalega.gal ás 10:00 horas
Santiago, 24.05.2024.- Logo de emitir este pasado xoves o debate dos candidatos a presidir a Comisión Europea desde Bruxelas, a CRTVG ofrece este luns 27 de maio, ás 10:00 horas, desde os estudios de San Marcos o debate entre os candidatos de PSOE, PP, Agora Repúblicas (ERC, Bildu, BNG, AM), Sumar e Ciudadanos ao Parlamento Europeo.
Producido desde o Estudio Multimedia da Radio Galega, o debate será emitido pola primeira canle de TVG, na Radio Galega, o portal G24.gal e a plataforma dixital AGalega.gal ás 10:00 horas e estará moderado por Alberto Varela, xefe de Planificación Informativa da Radio Galega.
Participan nel Nicolás González, candidato do PSOE, Francisco Millán Mon, candidato do PP, Ana Miranda, candidata por Agora Repúblicas (ERC, Bildu, BNG, AM), Juan Díaz Villoslada, candidato de Sumar e Javier Nart, por Ciudadanos.
Nesta campaña electoral europea, os medios públicos galegos emitirán a diario edicións informativas en todos os seus medios sobre a actualidade das candidaturas que concorren ás eleccións do vindeiro 9 de xuño. En cumprimento do plan de cobertura depositado na Xunta Electoral, terán especial atención mediática nesta campaña as formacións que obtiveron mellores resultados nos últimos comicios comunitarios: PSOE, PP, BNG (integrado na coalición Agora Repúblicas), Sumar e Ciudadanos.
O debate dividirase en catro bloques e rematará con intervencións dun minuto por parte dos candidatos. Estes bloques temáticos son transición industrial, enerxética e ecolóxica, así como impulso da soberanía económica e comercial da Unión Europea; o sector primario de Galicia desde unha perspectiva europea: pesca, gandería e agricultura; o futuro do financiamento europeo en Galicia, balance da execución dos Fondos Next Generation e o reto que pode supoñer a ampliación da UE a novos países, e, por último, os grandes retos do continente: a defensa común, o avance tecnolóxico e a intelixencia artificial.
Entrevistas do 3 ao 7 de xuño ás 10:00 h
Na primeira semana de xuño, a CRTVG realizará entrevistas cos candidatos das cinco formacións, que se emitirán ás 10:00 h. de forma simultánea por TVG, na Radio Galega, o portal G24.gal e a plataforma dixital AGalega.gal. A primeira será o luns 3, con Ciudadanos, o martes 4 con Sumar, o mércores 5 será a entrevista co BNG (Agora Repúblicas), o xoves 6 emitirase a entrevista co PP, e o venres 7 co voceiro do PSOE
Xornada electoral, a TVG desde Bruxelas o 9 de xuño
A canle pública prepara unha ampla cobertura da xornada electoral con dous puntos de directo en Bruxelas cos xornalistas Marcos Sueiro e Alexandre Mato. Tamén, un Especial Informativo, entre as 19:55 e as 00:00 h, que ofrecerá toda a actualidade arredor do peche dos colexios e da enquisa de Sigma Dos.
Seguirase todo o escrutinio, que non se coñecerá ata as 23:00 h (co peche dos últimos colexios electorais en Italia) e achegaranse as claves do resultado interpretadas por un equipo de analistas, nun espazo presentado polos xornalistas Marta Darriba e Carlos Amado. Tamén a Radio Galega ofrecerá un Especial Informativo entre as 19:55 e as 00:00 h, con mesa de análise e a moderación dos xornalistas Luís Ojea e Celia Rúa.
O portal G24.gal ofrecerá o minuto a minuto da xornada desde a apertura de colexios, cos avances de participación e as votacións dos candidatos ata o peche de colexios e as reaccións dos partidos políticos.