A CRTVG pon en marcha os IV Premios DígochoEu de vídeos escolares en galego - CRTVG
A CRTVG pon en marcha os IV Premios DígochoEu de vídeos escolares en galego
Centros educativos de Primaria e Secundaria poderán presentar ata o 22 de decembro as súas propostas
De entre todas as recibidas, seleccionaranse as 12 máis orixinais, creativas e innovadoras, que serán gravadas en cada colexio polo equipo do proxecto, e coa súa presentadora Esther Estévez
Santiago, 03.12.2024.- O prazo de presentación de candidaturas para os Premios DígochoEu da CRTVG neste curso 2024/2025 está xa aberto, e os centros escolares poden presentar as súas propostas de vídeos escolares ata o 22 de decembro.
Como en anteriores edicións, poderán participar centros educativos de Primaria e Secundaria de Galicia e tamén aqueles de fóra da comunidade que impartan a materia de Lingua Galega. Os profesores deberá presentar a candidatura enviando un correo electrónico a digochoeu@crtvg.gal. As bases completas están dispoñibles na web www.crtvg.gal.
Entre todas as recibidas, seleccionaranse as 12 propostas de contido máis orixinais, creativas e innovadoras, que serán gravadas en 2025 en cada centro escolar coa participación da cativada e da presentadora do programa, Esther Estévez, e serán emitidas nas canles da CRTVG.
Unha vez emitidos todos os episodios -previsiblemente no mes de maio, coincidindo co mes das Letras Galegas-, un xurado de profesionais do audiovisual alleo ao equipo do ‘DígochoEu’ avaliará todas as propostas e outorgará seis premios en dúas categorías, Primaria e Secundaria, e con cantidades de 500, 300 e 200 euros, respectivamente. Os criterios de valoración serán a calidade lingüística e expresividade dos participantes e a orixinalidade e innovación do contido.
Desde a súa creación en 2020, ‘DígochoEu’ achega o galego dunha forma dinámica e entretida a todo o mundo e, sobre todo, aos máis novos. O proxecto recibiu neste tempo destacados premios, como dous recentes Premio Mestre Mateo para Esther Estévez como mellor comunicadora, así como recoñecementos no eido da normalización lingüística en Galicia ou o Premio da Cultura Galega. Máis de 150 millóns de reproducións dos seus vídeos, 334.000 seguidores na conta de TikTok e 144 na súa conta de Instagram, as máis usadas pola cativada, e 10 millóns de gústame nas publicacións son algúns dos datos que amosan o impacto do ‘DígochoEu’ na sociedade galega, tanto na comunidade coma no exterior.