A CSAG desprega unha programación especial para reivindicar o legado de Begoña Caamaño - CSAG
A CSAG desprega unha programación especial para reivindicar o legado de Begoña Caamaño
A G2 emitirá este martes no prime time o documental da Real Academia Galega ‘Begoña Caamaño. Navegar no pracer do azul’
O Concerto das Letras, un ‘ZigZag’ monográfico ou a miniserie ‘Morgana en Esmelle’ destacan na proposta da canle pública na fin de semana
A Radio Galega recuperará fragmentos inéditos do Arquivo Sonoro e ofrecerá un ‘Especial Diario cultural’ sobre a autora, ademais dun amplo seguimento dos actos do día 17

Santiago, 11.05.2026.- A figura de Begoña Caamaño convértese nesta Semana das Letras na protagonista da programación especial da CSAG, que lle rende homenaxe á escritora e xornalista viguesa, á que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. A forte ligazón de Begoña Caamaño cos medios públicos, onde desenvolveu boa parte da súa traxectoria profesional, é o punto de partida da proposta, que achegará a súa figura ao gran público, e na que o Arquivo da Corporación ten un papel relevante, mediante a recuperación de imaxes, programas e fondos sonoros de Caamaño.
Este martes día 12, a G2 emitirá no prime time o documental da Real Academia Galega ‘Begoña Caamaño. Navegar no pracer do azul’, cun percorrido pola vida e o legado da autora. De cara á fin de semana, a TVG emitirá unha edición monográfica do programa ‘Resetéame’, o sábado 16, cunha combinación de divulgación, humor e tecnoloxía para ofrecer unha mirada actual e próxima sobre a autora, achegando a súa figura a públicos de todas as idades.
‘Morgana en Esmelle’ e o Concerto das Letras, na G2, na fin de semana
O sábado, a G2 estreará o filme ‘O meu ilustrísimo amigo’, baseado en feitos reais, que aborda a relación de amor, paixón e admiración intelectual entre Benito Pérez Galdós e Emilia Pardo Bazán, dúas das figuras máis destacadas da literatura do século XIX. E o domingo 17 estrearase a miniserie dramática ‘Morgana en Esmelle’, adaptación audiovisual da obra de Begoña Caamaño dirixida por Irene Pin. A ficción revisita o mito artúrico desde unha perspectiva íntima e contemporánea. Na mesma xornada ofrecerase o ‘Concerto das Letras Galegas’ organizado en Vigo polo Consello da Cultura Galega, nesta edición coa cantante Uxía como protagonista.
Tamén na noite do sábado, TVG ofrecerá o concerto do 25 aniversario de SonDeSeu, unha cita musical que reunirá algunhas das voces e artistas máis representativos da música galega actual, entre eles Abraham Cupeiro, Tanxugueiras, Xabier Díaz e Rodrigo Romaní.
Xa no Día das Letras Galegas, o domingo 17 de maio, os informativos da TVG volcaranse coa celebración da gran festa da cultura e da lingua, cun seguimento informativo dos eventos conmemorativos organizados pola Real Academia Galega e a Xunta de Galicia. Ademais, emitirase un especial de ‘Zigzag’ coa participación da irmá de Begoña Caamaño, e estrearase o documental ‘Reescribir para resistir’ que conxuga educación, creación escénica e pensamento feminista.
Entrevistas no ‘Diario cultural’ da Radio Galega
As distintas edicións do ‘Diario cultural’ da Radio Galega ofrecerán durante esta semana entrevistas con académicos/as da RAG, sobre a relevancia da autora; coa familia de Begoña Caamaño; con especialistas, críticos e escritores, arredor das súas obras narrativas; con xornalistas que afondaron na súa figura e outros/as que compartiron as súas etapas de traballo radiofónico en Vigo e Santiago, e con compañeiras da súa contorna do activismo cultural e social. A programación da emisora incluirá a emisión de fragmentos de voz de Caamaño recuperados do seu Arquivo Sonoro, que tamén serán postos a disposición dos oíntes e da comunidade educativa na plataforma AGalegaAudio.gal.
O sábado 16 de maio emitirase un ‘Especial Diario cultural’ monográfico, dirixido por Isabel Pichel, que debullará a vida e a obra da homenaxeada con numerosos convidados e convidadas. E o día 17, o ‘Galicia por diante fin de semana’ sairá dos estudios para realizar a edición da mañá cubrindo os actos da Real Academia Galega da Xunta de Galicia en homenaxe a Caamaño.
A maior parte destas propostas quedarán recollidas nas plataformas dixitais. AGalega.gal, que xa se anticipou á celebración coa estrea da sección ‘As figuras das Letras dende 1985’, a maior recompilación audiovisual sobre as Letras Galegas, con máis de 130 pezas do arquivo da CSAG. Tamén Xabarín.gal celebra as Letras cunha proposta específica orientada ao público infantil, que combina divulgación cultural, aprendizaxe e entretemento en galego.
Estes contidos achegarán ao gran público a dimensión humana, literaria e profesional dunha autora profundamente vinculada aos medios públicos galegos, onde desenvolveu gran parte da súa traxectoria profesional. E con eles, a CSAG reafirma o seu compromiso coa cultura galega, así como coa recuperación e posta en valor das voces que contribuíron ao desenvolvemento do sistema comunicativo galego. Esta oferta estenderase no tempo co obxectivo de afondar no legado de Begoña Caamaño: o seu papel como xornalista, o seu compromiso co activismo cultural e social, a súa voz feminista e a súa contribución á narrativa galega.
Cultura e lingua, na Semana das Letras
Durante a Semana das Letras, os espectadores da G2 tamén poderán ver a serie documental ‘As 5 vilas literarias de Galicia’; o programa sobre toponimia ‘Os nomes da nosa terra’; o espazo ‘Quérote Fest’, con múltiples artistas galegos contemporáneos; a adaptación cinematográfica de ‘A Esmorga’, e os programas ‘Os zeta falan galego’ e ‘A pé de paxina. Os segredos de Pardo Bazán’, entre outros.
