A CSAG programa 'Universo Castelao', con contidos na G2 e AGalega.gal durante toda a semana, e a estrea de 'Antes de Nós' na TVG - CSAG
A CSAG programa 'Universo Castelao', con contidos na G2 e AGalega.gal durante toda a semana, e a estrea de 'Antes de Nós' na TVG
Ficción, documentais, pezas divulgativas e unha ampla selección de títulos do Arquivo da Corporación conmemorarán o 140 aniversario de Castelao
TVG estreará o domingo 1 de febreiro a longametraxe ‘Antes de nós’, dirixida por Ángeles Huerta, que quedará dispoñible na plataforma dixital os dous días seguintes

Santiago, 23.01.2026.- Os medios públicos galegos celebran o 140 aniversario do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao coa programación especial de ‘Universo Castelao’, unha ampla selección de contidos desde o domingo na G2 e na plataforma dixital AGalega.gal, que achegarán unha visión plural e accesible de Castelao como creador, pensador, político e símbolo colectivo.
E a primeira canle, a TVG, estreará o domingo 1 de febreiro no prime time ‘Antes de nós’, cinta dirixida por Ángeles Huerta que quedará dispoñible na plataforma dixital os dous días seguintes. O filme, protagonizado por Xoán Fórneas e Cris Iglesias, aborda momentos decisivos na vida de Castelao nun relato íntimo sobre a dor, a creación e o compromiso compartido. Ademais, o 29 de xaneiro, a G2 emitirá o making off da película, ‘Antes de nós, o Castelao máis íntimo’.
Pero durante toda a semana a G2 (desde as 22:30 h) ofrecerá unha ampla escolma de documentais e pezas relativas a Castelao. Algúns deles son, xa este domingo 25 de xaneiro, ‘Filmando a Castelao’, unha retrospectiva sobre o filme ‘Castelao: Biografía dun Ilustre Galego’, promovido polo Centro Galego de Bos Aires nos anos 70, e ‘1986, centenario do nacemento de Castelao’, unha peza en que Persoeiros da vida política e cultural da época comentan aspectos da súa obra e personalidade . O luns emitiranse ‘Os señores da palabra: Castelao, Letras Galegas 1964’, ‘As mil e unha páxinas: Castelao e a literatura galega da diáspora’, ‘A trabe de ouro: O teatro galego’ e a aproximación á Xeración Nós ‘Nós, semente de futuro’.
Outros contidos da semana serán, entre outros, ‘Un mundo de historias: O retrato’ (día 27), unha dramatización deste relato de Castelao; ‘Historias a pé de páxina: o nacemento da Rianxeira’, historia do himno oficioso de Galicia (día 28), e ‘No bico un cantar: Lela’, sobre a canción baseada no texto de ‘Os vellos non deben namorarse’; tamén o 28 de xaneiro, ‘Virxinia Pereira, a community manager de Castelao’ (día 29), peza que se achega á figura da muller de Castelao, sepultada baixo a enorme sombra do rianxeiro máis universal; ou, xa o domingo 1 de febrero, o documental ‘Xeración Nós’.
Sección especial en AGalega.gal
Todos os contidos emitidos na G2 quedarán recollidos na plataforma AGalega.gal, que ampliará a oferta con máis pezas para revisitar a figura, a obra e o legado dun dos grandes referentes da cultura galega contemporánea, nado un 29 de xaneiro. Así, ‘Universo Castelao’ complétase con, entre outros títulos, tres faladoiros históricos: ‘A Chave: Castelao na luz e na sombra’, ‘A Chave: Castelao na emigración’ e ‘Encontros: Castelao’.
Con esta programación especial, a CSAG reforza o seu papel como plataforma de referencia para a divulgación do patrimonio cultural galego, ofrecéndolle ao público unha proposta ampla, rigorosa e accesible que convida a redescubrir a vixencia de Castelao desde múltiples olladas e xeracións.