A desparición de Gus desencadea unha onda de verdades incómodas e unha denuncia en televisión, hoxe en 'O home perfecto' - CSAG
A desparición de Gus desencadea unha onda de verdades incómodas e unha denuncia en televisión, hoxe en 'O home perfecto'
Guille enfróntase aos medos que o marcaron de neno, mentres Rebeca recupera forzas, dá a cara e denuncia publicamente a Gus

Santiago, 18.11.2025.- Con Vicky e Catuxa tirando do fío para achegarse cada vez máis a quen se agocha tras o nome de Leo e que este non saia impune, a TVG ofrece esta noite unha dobre entrega da trepidante serie ‘O home perfecto’ (22:45 h). Na primeira entrega, que leva por título ‘Dúas clases de homes’, os espectadores verán como Rebeca comeza a enfrontarse á realidade: Gus desapareceu cos cartos e todo o que lle contou era mentira. A dor, a humillación e a culpa mestúranse mentres intenta xustificarse diante de Nina, Vicky ou Xabi. Pero algo mudou, pois o que antes a paralizaba, agora énchea de rabia. E a rabia tamén pode ser forza.
Pola súa parte, Vicky e Catuxa seguen tirando do fío. As pistas lévanas ata unha zona rural, preto dun mosteiro. Alí inician unha busca casa por casa para dar con Leo, Gus ou como se chame. Mentres tanto, Guille -malferido, febril e atrapado nos ecos da memoria- revívese a si mesmo de neno. Un neno silenciado por un pai violento, impotente ante a dor da súa nai. A fronteira entre o que foi e o que imaxina esvaécese, obrigándoo a mirar cara a quen é ou podería ser.
A continuación, no capítulo ‘Tantos e ninguén’, os espectadores verán como Rebeca decide falar. En directo, nun estudio de televisión, dá a cara e denuncia publicamente a Gus. Non ten o seu nome real, pero si a súa foto e as palabras necesarias para que outras vítimas o poidan recoñecer. Só necesita que unha delas se atreva a dar o paso e así, talvez, chegue a reacción en cadea.
Entrementres, Nina investiga pola súa conta. Reúnese con Miguel, unha das primeiras vítimas coñecidas, pero el non quere volver pasar por aquilo. E non é o único que cala. A vergoña, o medo e a culpa seguen pesando máis cá verdade. Vicky, pola súa parte, denuncia a Leo polo roubo do coche da súa nai, un paso que pode achegar a Garda Civil ao seu rastro. Pero o que realmente a remexe por dentro son as reaccións nas redes, nos medios e na rúa. Non entende por que sempre se cuestiona as vítimas. Na casa de Guille, a tensión rebenta. Toño, o seu pai e el mesmo entran nun perigoso xogo de violencia que vai acabar moi mal.
