A eclipse, este mércores en todas as canles da Galega - CSAG
A eclipse, este mércores en todas as canles da Galega
Situada nun set no faro de Mera, en Oleiros, Televisión de Galicia emite un telexornal especial este mediodía e o ‘Especial eclipse’ das 19:15 h coincidindo coa fase de ocultación total do sol
A Radio Galega, en streaming tamén desde Mera, ademais da emisión FM
A canle FAST en AGalega.gal emite simultáneamente con Televisión de Galicia o fenómeno

Santiago, 12.08.2026.- Os medios públicos galegos fan posible vivir a eclipse en directo a través de ata sete vías distintas de emisión de sinal de televisión, radio, canles de YouTube, ou a canle FAST na plataforma dixital. Os servizos informativos seguen a actualidade do día, con especial atención á situación do tráfico e aos dispositivos de seguridade previstos.
Desde primeira hora deste histórico 12 de agosto, TVG e Radio Galega emiten en directo desde un set instalado no faro de Mera, na costa de Oleiros. Alí se prepara tamén o informativo deste mediodía, ampliado en duración, e con Marta Darriba. Pola tarde, o ‘Especial eclipse’ arranca ás 19:15 h, na fase decisiva do fenómeno astronómico e cos xornalistas Pablo Muñoz e Sabela Romar coordinando un amplo dispositivo de directos por toda Galicia.
Cámaras especiais e drons ofrecerán en directo as imaxes da ocultación total, que se poderá seguir tamén na plataforma dixital AGalega.gal. O programa combinará este seguimento en tempo real coa análise de expertos como o físico e investigador Jorge Mira, Minia Manteiga, catedrática en Astrofísica da UDC e presidenta da Sociedade Española de Astronomía; o astrofísico Daniel Galán, e Mercedes Camiña, profesora de Fisioloxía Veterinaria na UDC. Tras a emisión do evento, a cobertura informativa da eclipse continuará na G2.
Ademais, a plataforma dixital AGalega.gal permite acceder este serán a unha experiencia específica para seguir a eclipse cunha proposta multicámara e escoller en tempo real entre varios sinais. Poderase ademais descargar secuencias en formato timelapse xeradas a partir das distintas cámaras e compartilas nas redes sociais. A Corporación (CSAG) reforzou o luns a cobertura cunha canle FAST temática con emisión ininterrompida durante 72 horas. É accesible en AGalega.gal e no YouTube da TVG e inclúe todos os espazos de divulgación científica emitidos estes días nos medios públicos galegos.
Tamén a Radio Galega ten este mércores a súa propia emisión en streaming desde Mera, con realización propia, ademais de emitir por FM e as plataformas dixitais AGalega e AGalegaAudio. Kiko Novoa e Isabel Pichel están á fronte desta emisión acompañados por expertos como Jorge Mira e o astrofísico Borja Tosar.
Ribadeo é outro dos grandes escenarios deste mércores. Desde alí emítense as dúas edicións de ‘Hora eclipse’, de mañá e de tarde presentadas por Rocío Durán e Quique Morales. E xa pola noite, o Eclipse Fest, unha celebración coa enerxía de Panorama City, 9Louro e Francisco que prolongará a programación especial ata ben entrada a madrugada. A gala combinará música, espectáculo e as mellores imaxes da eclipse desde un escenario excepcional, ao carón da praia das Catedrais.
O ECLIPSE, MELLOR Á GALEGA
