A estrea de 'Os elixidos' e as principais procesións, esta Semana Santa na TVG - CSAG
A estrea de 'Os elixidos' e as principais procesións, esta Semana Santa na TVG
A serie internacional ‘Os elixidos’, fenómeno global sobre a vida de Xesús, emitirase desde o Xoves Santo, en catro tardes, na Galega
TVG e AGalega.gal retransmiten en directo procesións desde Ferrol, Viveiro e Fisterra ao longo dos días centrais
A isto súmanse títulos clásicos do cinema bíblico: ‘Sansón e Dalila’, ‘Barrabás’ e ‘Espartaco’

Santiago, 29.3.2026- Televisión de Galicia estrea esta Semana Santa a serie ‘Os elixidos’, unha produción de éxito internacional baseada na vida de Xesús de Nazaret, e cuxa primeira temporada de oito episodios se emitirá en catro tardes seguidas. A programación especial da canle incluirá tamén a retransmisión en directo das principais procesións galegas e unha escolma de grandes títulos do cinema bíblico.
Unha das series máis vistas do mundo, ‘Os elixidos’, chega a canle pública o xoves santo. Creada e dirixida polo cineasta estadounidense Dallas Jenkins e protagonizada por Jonathan Roumie, é un drama histórico que ofrece unha visión próxima e humana da figura de Xesús, a través das persoas que o coñeceron.
Convertida nun fenómeno global, ‘Os elixidos’ supera os 600 millóns de visualizacións en todo o mundo e conta con millóns de seguidores nas redes sociais. A serie está dispoñible en máis de 175 países e foi recoñecida como a produción de streaming máis traducida da historia, con máis de 50 idiomas. Ademais, quedará despois dispoñible en AGalega.gal.
Procesións desde Ferrol, Viveiro e Fisterra
As procesións son cada ano un dos eixes centrais da programación. O Xoves Santo, ás 23:00 horas, a TVG conectará con Ferrol para vivir a Procesión Nocturna do Cristo da Misericordia, unha das máis solemnes e multitudinarias da cidade. Organizada pola Confraría das Dores, inclúe máis de 1.800 confrades, numerosos pasos e gran fervor popular. O Venres Santo, ás 11:30 horas, poderase seguir a Procesión do Santo Encontro, un dos momentos máis emotivos da Semana Santa ferrolá. Declarada Festa de Interese Turístico Internacional, esta cita rexistra a asistencia de preto de 10.000 persoas cada ano. Nun ambiente de recollemento, encóntranse na praza de Armas os pasos de Jesús Nazareno e de San Juan, Verónica e a Virxe das Dores.
Na madrugada do propio Venres Santo, ás 00:30 horas, a audiencia terá ocasión de vivir a Procesión dos Caladiños desde Viveiro, unha das máis singulares de Galicia, marcada polo silencio, que sae da igrexa de San Francisco e conclúe na mesma cun canto popular da Salve.
E a programación de procesións completarase co Domingo de Resurrección, ás 11:30 horas, desde Fisterra. Declarada de Interese Turístico de Galicia, destaca pola súa escenificación vivente e amosa a chegada das mulleres ao sepulcro e o anuncio do anxo, ante a igrexa de Santa María das Areas.
Cinema e cobertura, en directo, dos actos principais
TVG programará tamén cinema de temática bíblica con títulos xa clásicos do xénero. Entre eles, ‘Sansón e Dalila’, que adapta o relato bíblico do lendario heroe hebreo; ‘Barrabás’, superprodución centrada na figura do preso indultado por Poncio Pilatos no lugar de Xesús; e ‘Espartaco’, a coñecida historia épica sobre a rebelión de escravos fronte ao Imperio romano, dirixida por Stanley Kubrick e protagonizada por Kirk Douglas.
Ademais das retransmisións e da programación especial, os espazos en directo da TVG continuarán durante estes días ofrecendo cobertura dos principais actos que se celebren en Galicia, achegándolle á audiencia todo o ambiente e a actualidade da Semana Santa desde distintos puntos do país.
