A forte conexión inicial entre Vanesa e Vince abriulles ás portas ao amor e a un novo enlace en 'Casamos!' esta noite - CRTVG
A forte conexión inicial entre Vanesa e Vince abriulles ás portas ao amor e a un novo enlace en 'Casamos!' esta noite
As familias da parella teñen un papel importante nesta voda (22:10 h), en que a noiva será acompañada ao altar por Carlos, o seu exmarido e padriño do casamento

Santiago, 11.03.2025.- O espazo máis romántico da Televisión de Galicia, ‘Casamos!’, dá a coñecer esta noite unha nova historia de amor, ilusionada e confiada nas novas oportunidades. A noiva deste martes é Vanesa, unha muller viguesa, aventureira e amante do deporte na natureza. Pola súa parte, o seu mozo, Vicente ‘Vince’, orixinario de Baiona, é unha persoa moi creativa, cuxa paixón é ser picadiscos.
Coñecéronse en 2021 nunha festa, cando ela se estaba divorciando. Entre eles houbo conexión desde o principio, aínda que procedían de mundos diferentes. Os dous tiñan amigos en común e unha conversa casual fixo todo o demais. Tras varios anos de relación, decidiron casar no que será o evento familiar do ano. Nesta voda, a familia de Vanesa e Vince terá un papel moi destacado, pois Carlos, o exmarido de Vanesa, será quen a acompañe ao altar como padriño do enlace.