A fusión entre pop e folcore de Juanjo Bona encherá esta noite o escenario de 'Luar' - CSAG
A fusión entre pop e folcore de Juanjo Bona encherá esta noite o escenario de 'Luar'
Tamén estarán no musical da TVG (21:45 h) o artista galego Habló Pablo, a orquestra Fania Blanco Show e o ‘chapuzas’ Lalo Penelas, que se trabucará co cambio de hora e trasladará o reloxo a 1992, á primeira edición do programa

Santiago, 24.10.2025.- O programa ‘Luar’ recibe esta semana a visita do cantante e compositor aragonés Juanjo Bona, que irrompeu con forza na escena musical grazas a unha proposta que fusiona pop e folclore cunha sensibilidade única. Finalista de ‘Operación Triunfo’ e gañador dun talent na televisión autonómica aragonesa, o seu primeiro álbum, titulado ‘Recardelino’, reflicte o seu compromiso coa música de raíz e a súa evolución artística.
Tamén estará no escenario de ‘Luar’ o artista galego Habló Pablo, cuxa canción ‘Jerga Gallega’, que hoxe interpretará, se converteu en todo un fenómeno cultural, ao superar o millón de reproducións en redes sociais este verán. O seu éxito radica en que reivindica a identidade e o idioma galego, utilizando a retranca como ferramenta para achegarlle ao público de fóra de Galicia as expresións coloquiais que se usan na rúa. O tema conta coa colaboración especial do grupo de cantareiras As Lembranzas, que achega a sonoridade tradicional galega a un proxecto onde conflúen o rap e a cultura popular.
Os ritmos verbeneiros chegarán da man da orquestra Fania Blanco Show, mentres que o humor será cousa de Campos e Crespo e de Lalo Penelas, que esta noite montará unha boa. O ‘chapuzas’ será o encargado de efectuar o cambio de hora no reloxo do programa, pero pasarase atrasando as agullas e fará que o ‘Luar’ se traslade a 1992, á súa primeira edición, coa presenza de Patricia Pérez, que acompañou a Gayoso aquel 30 de setembro do 92 e que hoxe tamén estará no estudio.
En canto ao concurso ‘Recantos’, este venres os espectadores coñecerán un pouco máis e escoitarán cantar, en solitario e a dúo, a Abel, representante da comarca Terras de Ordes, e a Uxía, de Terras de Compostela.