A G2 e AGalega.gal ofrecen o domingo pola tarde o derbi Obradoiro-Básquet Coruña - CSAG
A G2 e AGalega.gal ofrecen o domingo pola tarde o derbi Obradoiro-Básquet Coruña
Os dous equipos ocupan as primeiras prazas da clasificación tras as doce primeiras xornadas

Santiago, 26.12.2025.- A segunda canle da Televisión de Galicia e a plataforma AGalega.gal reservan para este domingo o que sen dúbida é o mellor partido que hoxe en día pode verse na Primeira Federación, a segunda categoría do baloncesto español. A décimo cuarta xornada do campionato presenta o derbi dos veciños Obradoiro de Santiago e Básquet Coruña. Na clasificación, os herculinos levan doce vitorias noutros tantos encontros xogados, mentres que os da capital de Galicia gañaron dez tras perder as dúas primeiras citas do calendario.
A partir das 18:00 h, os espectadores poderán ver en acción os dous conxuntos máis en forma da liga. Aínda que só se consumiu o primeiro terzo do curso, o Básquet Coruña semella ser o rival a bater e non está acusando a fonda renovación do cadro de xogadores e do propio corpo técnico liderado por Carles Marco. No Obradoiro tamén houbo moitos cambios, comezando polo adestrador, Epi, que levou da Coruña a Santiago boa parte do equipo que competiu na ACB a pasada temporada.
Ao remate do baloncesto continuará a programación deportiva na G2 e na plataforma AGalega.gal coa retransmisión desde Silleda da Gala da Federación Galega de Balonmán, coa presentación das seleccións de categorías inferiores. O acto comezará ás 20:15 h.
Deportes nos Telexornais
Esta fin de semana non hai competición de fútbol, pero si hai actividade noutras modalidades. De aí que o equipo de deportes da Televisión de Galicia manteña as citas habituais nos informativos ‘Bos Días’, ‘Telexornal Mediodía’ e ‘Telexornal Serán’, tanto o sábado como o domingo. Os espectadores poderán ver os resumos dos partidos Joventut-Breogán, Baxi Ferrol-Ensino Lugo e Noia-O Parrulo Ferrol, que centrarán a axenda no baloncesto e no fútbol sala.