A G2 e AGalega.gal retransmiten este sábado en directo o Básquet Coruña-Palencia, da fase de ascenso á Liga ACB de baloncesto - CSAG
A G2 e AGalega.gal retransmiten este sábado en directo o Básquet Coruña-Palencia, da fase de ascenso á Liga ACB de baloncesto
O domingo, os espectadores poderán ver, a través da primeira canle, o Celta Fortuna-Europa, partido de volta das semifinais do playoff de promoción a Segunda División

Santiago, 04.06.2026.- O Coliseum da Coruña acolle esta fin de semana a final a catro da Primeira FEB, o torneo que determina o equipo que ascende á Liga ACB de baloncesto. O Básquet Coruña, na súa condición de anfitrión, disputará este sábado a primeira semifinal contra o Palencia ás 17:30 h, coa retransmisión en directo pola segunda canle da TVG e a plataforma AGalega.gal.
O equipo herculino logrou o seu primeiro ascenso á ACB no curso 2023-24, ao proclamarse campión da LEB Ouro, para logo descender en maio do 2025. Os de Carles Marco chegan a esta fase final tras rematar na segunda posición da clasificación xeral, despois de seren líderes durante a maior parte do campionato. Nos cuartos de final derrotaron por 3-1 o Menorca, sen necesidade de ter que recorrer ao desempate.
Mentres, o Palencia clasificouse para as semifinais despois de varrer o Fuenlabrada (76-51) no quinto e decisivo partido. O cadro palentino é un dos tres que conseguiu derrotar o Básquet Coruña durante a liga regular, con vitoria por 99-87 na segunda volta. O único ascenso á ACB produciuse na temporada 2022-23, ao gañar a final four disputada noutro Coliseum, o de Burgos.
A final polo ascenso está prevista para o domingo, a partir das 19:00 h, con emisión por G2 e AGalega.gal no caso de que o Básquet Coruña supere as semifinais.
Celta Fortuna-Europa, o domingo pola primeira canle da TVG
O Celta Fortuna regresa este domingo a Vigo tras empatar 1-1 ante o CE Europa en Can Dragó (Barcelona) no partido de ida das semifinais do playoff de ascenso a Segunda División. Un gol de Andrés Antañón no desconto permitiulles aos pupilos de Fredi Álvarez igualar o tanto de Jordi Cano para deixar a eliminatoria completamente aberta de cara á volta en Balaídos, programada para as 16:15 h da tarde, coas cámaras da primeira canle da TVG en directo.
O filial celeste finalizou a fase regular como segundo clasificado do Grupo 1 de Primeira RFEF, só por detrás do campión e ascendido C. D. Tenerife, sumando 65 puntos en 38 xornadas nun balance de 18 vitorias, 11 empates e 9 derrotas. Ademais, pechou a liga regular con 61 goles a favor, converténdose no terceiro máis goleador de toda a Primeira RFEF.
Pola súa parte, o Europa é un dos clubs fundadores da Primeira División española, que non está no fútbol profesional desde hai máis de medio século. Gañar en Balaídos clasificaría o Celta Fortuna para a final do playoff, onde se mediría co vencedor do cruzamento entre o Atlético de Madrid B e a Ponferradina.
Compostela-Arteixo por AGalega.gal
A plataforma AGalega.gal continúa ofrecendo en exclusiva o mellor fútbol da Terceira RFEF. O domingo, ás 18:30 h desde o Vero Boquete, os seareiros terán ocasión de ver o desenlace da final galega entre o Compostela e o Arteixo. A S. D. chega coa obriga de remontar tras caer 2-1 no partido de ida disputado en Ponte dos Brozos. O Atlético Arteixo é o único rival que non perdeu nos tres enfrontamentos disputados xa ante o cadro da capital de Galicia.
Motocrós desde Letonia
Os afeccionados ao mundo do motor terán ocasión de ver o domingo a través da G2 e de AGalega.gal as dúas mangas do Gran Premio de Letonia, en que participa o vigués Rubén Fernández, que ocupa a oitava posición do Campionato do Mundo de Motocrós, con 177 puntos, tendo como mellor resultado un quinto posto. As citas da competición son ás 13:00 e ás 16:00 h.