div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A G2 e AGalega.gal retransmiten este venres o decisivo Obradoiro-Guipuzkoa, polo ascenso á Liga ACB

A TVG emitirá o ‘Telexornal Deportes Mediodía’ desde o Multiúsos Fontes do Sar

csag.gal 07/05/2026 09:30

Santiago, 07.05.2026.-    O Multiúsos Fontes do Sar vai vivir este venres unha das noites máis emocionantes da súa historia recente. O Monbus Obradoiro recibe o Guipuzkoa Basket nunha xornada que pode supoñer o regreso do club santiagués á Liga ACB, a máxima categoría do baloncesto español, despois de dous anos de ausencia. A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) emitirá o partido en aberto para toda Galicia a través de G2 e do portal AGalega.gal, a partir das 21:00 h, coa narración de Pedro Pablo Alonso e os comentarios de Edgar Paz. Antes, ás 15:15 h, Sevi Martínez presentará o ‘Telexornal Deportes Mediodía’ desde a pista do pavillón, acompañado polo adestrador Epi, o director xeral, Héctor Galán, e varios históricos do club.

O Obradoiro chega á última xornada da liga regular como líder da clasificación e depende de si mesmo. Se derrota o Guipuzkoa Basket, ascende directamente sen ter que xogar os playoff, e, de perder, quen ascendería sería o Básquet Coruña.

O Guipuzkoa Basket, rival deste venres, xa ten garantida a súa praza na eliminatoria de cuartos de final e chega sen presión ao Fontes do Sar. Un equipo cunha defensa sólida que esta semana mesmo lle gañou ao Hestia Menorca. Non será un rival sen vontade, pero o ambiente no Sar e a necesidade de gañar danlle ao Obradoiro o papel de favorito.

Detrás desta temporada extraordinaria hai un home que sabe mellor que ninguén como se logra un ascenso á ACB: Diego Epifanio, coñecido no mundo do baloncesto español como Epi. O técnico burgalés chegou ao Obradoiro en xuño de 2025 cunha folla de servizos impoluta en materia de promocións: subiu á ACB o San Pablo Burgos en 2017, o Río Breogán de Lugo en 2021 e o Leyma Básquet Coruña en 2024. Se o Obradoiro vence o Guipuzkoa, Epi converterase no único adestrador da historia do baloncesto español en lograr catro ascensos á Liga ACB con catro clubs diferentes.
    
O Obradoiro é un símbolo da capital de Galicia e un dos representantes da ACB moderna, onde militou durante trece temporadas consecutivas, entre 2011 e 2024. O pasado curso era xa un dos favoritos para regresar á elite, pero quedou eliminado nos cuartos de final dos playoff polo Palencia. Desta volta quere evitar as eliminatorias finais acadando o título de campión, que se premia co ascenso directo. No caso de sufrir unha derrota, o gran beneficiado sería o Básquet Coruña, que lograría o campionato da Primeira FEB para regresar un ano despois á Liga da Asociación de Clubs de Baloncesto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade