A G2 e AGalega.gal retransmiten este venres o partido amigable entre o Penafiel e o Deportivo da Coruña - CSAG
A G2 e AGalega.gal retransmiten este venres o partido amigable entre o Penafiel e o Deportivo da Coruña
Na fin de semana destacan as emisións do Lugo-Rácing, o sábado, e o Breogán-Joventut da Liga ACB de baloncesto, programado para a matinal do domingo

Santiago, 24.09.2026.- O fútbol amigable, as ligas dependentes da Federación Española, o baloncesto ACB e o tríatlon protagonizan as retransmisións deportivas da última fin de semana do mes de setembro na programación deportiva da Televisión de Galicia.
O venres, ás 15:10 h, Terio Carrera presentará desde Pontevedra a edición de ‘En Xogo’, con ampla cobertura da segunda xornada das Series Mundiais de Tríatlon. Neste segundo día de competición, a galega Susana Rodríguez Gacio é unha das favoritas para subir ao podio na proba de paratríatlon. A cidade do Lérez recibe esta semana máis de cinco mil atletas nunha das probas máis importantes do circuíto deportivo mundial.
A partir das 20:00 h, a segunda canle da TVG e AGalega.gal emitirán o partido amigable entre o Penafiel e o Deportivo da Coruña, que coincide en pleno descanso polos compromisos das seleccións nacionais nas primeiras xornadas da Nations League. O equipo coruñés afronta a visita a Portugal nun momento crítico, tras as lesións de dous xogadores chave no esquema: Casadó e Aubameyang.
O sábado, ás 16:30 h, o Club Deportivo Lugo recibe o Rácing Club Ferrol no estadio Anxo Carro, na quinta xornada de Primeira RFEF. Os lucenses chegan ao derbi na terceira posición, con 10 puntos tras as catro primeiras xornadas, mentres que os ferroláns son oitavos con 7. Os espectadores poderán seguir o encontro a través da primeira canle da TVG e da plataforma AGalega.gal.
A Liga Endesa 2026-27 principia este domingo ás 12:00 h coa retransmisión do Río Breogán-Joventut, desde o Pazo dos Deportes de Lugo. O rival do cadro galego é o vixente campión da Supercopa tras impoñerse ao Barça na final de Badalona (101-87) e acabar cunha seca de 18 anos sen títulos. O Breogán chega tras unha pretemporada de luces e sombras: invicto nos amistosos (venceu o Spórting de Portugal por 110-76 e ao KK Mega Superbet por 99-90), pero caeu na final da Copa Galicia ante o Leyma Coruña (102-93) e quedou eliminado nas semifinais da fase de clasificación da Basketball Champions League en Samokov (Bulgaria) fronte ao Dziki Varsovia, despois de establecer un récord de triplas na eliminatoria (23 de 36) ante o Rilski Sportist búlgaro. O partido, correspondente á primeira xornada, poderá seguirse pola primeira canle da TVG e AGalega.gal.
Esta será a primeira retransmisión dunha temporada histórica, en que o baloncesto volve á Televisión de Galicia, que ofrecerá cobertura dos equipos galegos na Liga Endesa e nas competicións europeas. Os medios públicos galegos reforzan a súa aposta pola competición con retransmisións semanais, un partido de ACB con presenza galega os domingos ao mediodía na TVG e AGalega.gal, e un encontro de Liga Feminina cada xornada con representante galego nas tardes da fin de semana, na G2 e AGalega.gal.
A tarde do domingo estará centrada no fútbol, con sesión exclusiva para os equipos galegos do grupo primeiro da Segunda RFEF. Na Lomba, o Arousa recibe o filial do Alavés, mentres que en Carballo o Bergantiños enfróntase ao Portugalete e no Vao o Coruxo mídese ao Gernika.
‘En Xogo’
A cobertura da xornada deportiva desenvólvese durante toda a fin de semana na TVG dentro do espazo ‘En Xogo’. Ás 15:05 e ás 21:30 h, os espectadores poden actualizar a información dos seus equipos preferidos, desta volta, con atención especial ao Celta Fortuna-Sabadell de Segunda División e, na Liga ACB de baloncesto, aos tres encontros con presenza dos representantes galegos: Barcelona-Básquet Coruña, Andorra-Obradoiro e Breogán-Joventut.
Ademais, o programa ofrece unha ampla difusión da xornada futbolística desde as 22:30 h do domingo. Durante 90 minutos, Gustavo Varela conduce a mesa de debate, en que participan Roberto Lago, Dani Mallo e Xabier Rodríguez Campos e ofrece os resumos máis completos dos partidos destacados.
‘En Xogo Motor’
Ao remate do ‘En Xogo’, este domingo á medianoite chegará a edición mensual dedicada ao motor. O programa centrarase nas probas do Carballiño e de Llanes. No estudio, Alfonso Pérez e Rodrigo Pérez entrevistarán a Dani Berdomás, Jorge Cagiao e Luís Penido.