A G2 e AGalega.gal retransmiten este xoves o Liceo-Quévert, da Champions de hóckey sobre patíns - CRTVG
A G2 e AGalega.gal retransmiten este xoves o Liceo-Quévert, da Champions de hóckey sobre patíns
Na fin de semana o protagonismo será para as ligas de fútbol, fútbol sala e balonmán
Santiago, 5.2.2025.- O calendario de retransmisións deportivas da Televisión de Galicia a través da segunda canle e da plataforma AGalega.gal comezan na noite do xoves desde o palacio dos deportes de Riazor. O Liceo afronta a antepenúltima xornada da Champions de hóckey sobre patíns recibindo ao Quévert de Francia. O obxectivo é sumar un novo triunfo e acceder así ás eliminatorias de cruzamentos, que non disputa desde o 2018.
O sábado a atención estará posta no polideportivo. Desde as 17:00 h, o pavillón da Seca acolle o encontro de rivalidade provincial entre o Poio e o Marín, correspondente á liga de fútbol sala feminino. O equipo local vén de competir en Móstoles na Supercopa, quedando eliminado nas semifinais polo Navalcarnero. Os dous xogan moito nesta xornada, xa que o Poio necesita a vitoria para achegarse á cuarta praza e o Marín intentará puntuar de cara a seguir fóra dos postos de descenso.
O balonmán tamén terá protagonismo o sábado, xa que regresa a Liga Asobal tras o descanso pola disputa do Mundial, no que a selección española foi unha das decepcións. O Cangas volve á competición recibindo ás sete da tarde no Gatañal o Valladolid, que nun principio semella ser un partido igualado xa que entre os dous hai catro puntos de diferenza. Se o conxunto galego é quen de gañar marcaría unha ampla distancia xa cos últimos clasificados, na pelexa por evitar a caída a categoría de prata.
Xa o domingo, o fútbol da Segunda Federación tomará o mando na xornada matinal. A partir das 12:00 horas, os afeccionados terán ocasión de ver o filial do Deportivo fronte ao colíder, o Numancia. O Fabril goleou a semana pasada o Pontevedra, que chegou a Riazor como primeiro clasificado. Agora tócalle enfrontarse ao cadro soriano, pero desta volta na cidade deportiva de Abegondo.
A tarde será primeiro para a liga de hóckey a patíns, coa retransmisión do clásico da temporada entre o F. C. Barcelona e o Liceo da Coruña ás 16:00 h desde o Palau Blau Grana. Os dous ocupan as primeiras prazas da clasificación regular, se ben hai unha diferencia de doce puntos a favor dos azulgrás.
Desde as 18:00 horas, o derbi entre o Ourense C. F. e o Celta Fortuna, no estadio do Couto, centrará a emisión da G2. A clasificación no grupo primeiro da Primeira RFEF vaise estreitando e entre os dous só hai catro puntos de diferenza. Coa chegada de Pablo López ao banco azul, o Ourense foi quen de meterse na loita pola permanencia, da que a separa só un punto. Mentres, o filial dirixido por Fredy vai perdendo posicións e necesita sumar canto antes para fuxir do perigo, antes de volver a crer na opción de entrar na fase de ascenso.
Por último, a plataforma AGalega.gal ofrecerá de xeito exclusivo o partido da Segunda RFEF entre o Compostela e o Marino. Os últimos resultados condenaron ao cadro da capital de Galicia á zona de descenso á Terceira e o adversario de esta xornada está nun excelente momento, ocupando a quinta praza que da dereito a competir a final de curso polo ascenso á Primeira RFEF.
Cando rematen as retransmisións deportivas da fin de semana, o programa ‘En Xogo’ resumirá todo o sucedido na xornada, con atención especial aos partidos Celta-Betis, Deportivo-Almería e Rácing de Ferrol-Córdoba. Os espectadores poderán gozar dos mellores momentos, todos os goles, as opinións dos adestradores e a análise dos exfutbolistas profesionais Dani Mallo e Roberto Lago.