div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A G2 e AGalega.gal retransmiten o martes, o mércores e o venres partidos da Eurocup e da Liga co BAXI Ferrol e o Ensino Lugo en xogo

Os dous equipos necesitan cadansúa vitoria no torneo continental para entrar na fase de eliminatorias

csag.gal 02/11/2026 12:43

Santiago, 2.11.2026.-   A G2 e AGalega.gal volven apostar polo mellor baloncesto feminino con tres retransmisións en directo ao longo desta semana. A programación permitirá seguir dous encontros da EuroCup Women, co protagonismo dos representantes galegos BAXI Ferrol e Durán Maquinaria Ensino, e un atractivo duelo da Liga Feminina Endesa entre o Innova-TSN Leganés e o conxunto ferrolán.

A primeira cita chegará este martes 3 de novembro, ás oito e cuarto do serán, co enfrontamento entre o BAXI Ferrol e o Olympiacos. O conxunto de Lino López afronta un partido importante na cuarta xornada da fase de grupos da EuroCup Women. As ferrolás ocupan a terceira posición do grupo D, cunha vitoria e dúas derrotas, mentres que o equipo grego é segundo, con dous triunfos e unha derrota. Unha vitoria permitiríalle ao BAXI dar un paso importante nas súas aspiracións europeas ante un rival de entidade.

A segunda retransmisión terá lugar o mércores 4 de novembro, ás oito do serán, desde Lugo, co encontro entre o Durán Maquinaria Ensino e o BLMA francés (Basket Lattes Montpellier). As lucenses tamén afrontan unha xornada importante para as súas aspiracións de clasificación na EuroCup. O equipo de Suso Garrido ocupa a terceira praza do grupo J, cun balance dunha vitoria e dúas derrotas, mentres que o conxunto francés figura na segunda posición, con dous triunfos e unha derrota. O Ensino buscará facerse forte no Pazo dos Deportes e mellorar o resultado do encontro da primeira volta, en que caeu en Montpellier por 89-64.

A semana pecharase o venres 6 de novembro, ás sete da tarde, cun novo compromiso do BAXI Ferrol, desta volta na Liga Feminina Endesa, fronte ao Innova-TSN Leganés. O encontro corresponde á sétima xornada da competición nacional e enfrontará dous equipos que buscan consolidarse na clasificación. O BAXI chega situado na oitava posición, con catro vitorias e dúas derrotas, mentres que o Leganés ocupa a undécima praza, con dous triunfos e catro partidos perdidos. As ferrolás tratarán de prolongar o seu bo inicio ligueiro nunha pista sempre esixente.

Tres partidos, dúas competicións e moito en xogo para os representantes galegos nunha semana especialmente intensa. A G2 e AGalega.gal achegan así aos afeccionados tres citas de primeiro nivel do baloncesto feminino, coa emoción da competición europea e a igualdade da Liga Feminina Endesa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade