A G2 retransmite este sábado a visita do Lugo ao Tenerife, líder da Primeira Federación - CSAG
A G2 retransmite este sábado a visita do Lugo ao Tenerife, líder da Primeira Federación
En AGalega.gal, esta fin de semana poderán seguirse os partidos Fabril Deportivo-Raio Cantabria, Coruxo-U. P. Langreo e U. D. Ourense-Oviedo Vetusta
O domingo pola tarde comeza na segunda canle e na plataforma dixital o Mundial de Motocrós, coa participación do vigués Rubén Fernández no Gran Premio da Arxentina

Santiago, 06.03.2026.- A segunda canle da Televisión de Galicia ofrece este sábado o partido máis atractivo do calendario da Primeira RFEF. O Club Deportivo Lugo acaba de situarse en postos de promoción de ascenso á Segunda División profesional e esta xornada tócalle visitar o líder da categoría, o Tenerife. O equipo que prepara Yago Iglesias está vivindo un momento doce, mentres os canarios só gañaron un encontro nas últimas catro xornadas e así e todo continúan ao mando da clasificación, con nove puntos de diferenza respecto ao Celta Fortuna. A emisión do partido comezará ás 16:15 h desde o estadio Heliodoro Rodríguez López.
Pola súa parte, a plataforma AGalega.gal emitirá o sábado, a partir 17:00 h desde o campo Arsenio Iglesias, o encontro da Segunda RFEF entre o Fabril Deportivo e o Raio Cantabria. Os coruñeses continúan o man a man polo ascenso directo co segundo equipo do Real Oviedo e, desta volta, saen como favoritos para sumar os tres puntos ante o filial do Rácing de Santander.
O domingo continuarán as retransmisións da Segunda RFEF en AGalega.gal coa xornada de multifútbol ás 17:00 h desde o campo do Vao e desde o estadio do Couto. En Vigo, o Coruxo mídese á Unión Popular de Langreo e en Ourense, a Unión Deportiva afronta un partido chave ante o líder, o Oviedo Vetusta.
Mundial de Motocrós
Os afeccionados ao mundo do motor terán, un ano máis, á súa disposición todas as probas do Mundial MXGP de motocrós a través da segunda canle da Televisión de Galicia e da plataforma AGalega.gal. Este domingo a primeira proba do calendario disputarase na Arxentina, coa primeira manga ás 17:00 h e a segunda, a partir das 20:00 h. O piloto vigués Rubén Fernández volverá competir co obxectivo de entrar no podio, logo de rematar na cuarta praza na edición de 2025.
‘En Xogo’
O domingo, ás 22.25 h na G2, e pasada a medianoite na TVG, o equipo de Deportes resume durante 90 minutos todo o sucedido nas diferentes categorías do fútbol español. Gustavo Varela conduce o ‘En Xogo’ acompañado polos exfutbolistas Roberto Lago e Dani Mallo e polo analista arbitral Xabier Rodríguez Campos. Esta xornada os partidos máis atractivos son o Celta-Real Madrid, de Primeira, e o Deportivo-Granada, de Segunda.
Deportes nos Telexornais
Na fin de semana, os informativos dedican amplos espazos á información deportiva no ‘Bos Días’, o ‘Telexornal Mediodía’ e o ‘Telexornal Serán’. Xunto aos resumos das ligas de fútbol tamén será noticia o baloncesto, con seis equipos galegos nas distintas competicións de elite: Breogán-Barcelona, Baxi Ferrol-Salamanca, Jairis-Ensino Lugo, Básquet Coruña-Alacant, Guipuzkoa-Ourense e Fuenlabrada-Obradoiro.
Redes sociais
Outro xeito de estar informado é a través das redes sociais do ‘En Xogo’, en X, Facebook e Instagram. Ademais das noticias, destacan as historias recollidas polos reporteiros a saída dos seareiros en Balaídos e Riazor, logo dos partidos Celta-Real Madrid e Deportivo-Granada.