A nova serie da TVG, 'Punto Nemo', un thriller ambientado nun buque oceanográfico, preestréase esta tarde en Pontevedra - CRTVG
A nova serie da TVG, 'Punto Nemo', un thriller ambientado nun buque oceanográfico, preestréase esta tarde en Pontevedra
Este novo thriller de ciencia ficción chegará o luns ao prime time da canle, e o martes á plataforma dixital AGalega.gal
Ao evento acudirá o equipo da produción, cos actores Maxi Iglesias e Felipe Pirazán
Coproducida por Ficción Producciones e Ukbar Filmes, conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a RTP, a Deputación de Pontevedra e a Televisión de Galicia

Santiago, 28.03.2025.- O thriller de ciencia ficción ‘Punto Nemo’, que chegará o luns á noite ao prime time da TVG, preséntase este venres en Pontevedra nunha gala á que asistirá o seu director Denis Rovira, os actores Maxi Iglesias e Felipe Pirazán, así como representantes do ámbito cultural, político e audiovisual. Entre eles, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; e, en representación da CRTVG, o seu director de Proxección Social, Xaime Arias.
Cunha intrigante trama e unha coidada produción, este novo thriller de ciencia ficción chegará ao prime time da TVG o luns, despois da emisión do partido de fútbol do R. C. Celta, e tamén estará dispoñible desde o martes na plataforma dixital AGalega.gal. ‘Punto Nemo’ está coproducida por Ficción Producciones e Ukbar Filmes, coa colaboración da Xunta de Galicia, a canle portuguesa RTP, a Deputación de Pontevedra e a Televisión de Galicia.
A serie combina drama e misterio. Nela, os membros dunha expedición oceanográfica formada por científicos e a Armada Española, embárcanse no buque Pentonkontors para investigar e concienciar ao mundo dos problemas da illa de plástico localizada no Pacífico Sur. Unha forte tormenta desvíaos ata unha illa na que poñerán a proba as súas habilidades para sobrevivir e fuxir deste lugar remoto coñecido como Punto Nemo, o punto máis afastado de calquera lugar habitado da Terra. Durante a presentación, os asistentes terán a oportunidade de coñecer máis detalles sobre o proceso creativo e os desafíos da rodaxe.
Completan o reparto de primeiro nivel Óscar Jaenada, Alba Flores, Margarida Corceiro, Eric Masip, Najwa Nimri, Michelle Calvó, Sara Matos, María Isabel Díaz, Nüll García, Leander Vyvey, e o galego Miguel de Lira. ‘Punto Nemo’ foi rodada en diversas localizacións, incluíndo Santiago de Compostela, San Vicente do Mar, Portugal e Madeira.