div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

A película '+Cuñados', participada pola TVG, chegará aos cines o 19 de abril

Esta secuela da comedia galega que revolucionou as salas contará de novo con algunhas das caras máis recoñecidas do noso audiovisual: Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez, Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños e Mela Casal

O filme, dirixido por Luís Avilés e ambientado no Entroido de Ourense, buscará repetir o éxito da primeira entrega, que se converteu nunha das películas máis vistas de 2021

crtvg.gal 13/03/2024 16:50

Santiago, 13.03.2024.-    O vindeiro 19 abril estréase en cinemas ‘+Cuñados’, a secuela da exitosa comedia ‘Cuñados’, producida por Portocabo e participada pola Televisión de Galicia. Nesta nova entrega, dirixida por Luís Avilés, a acción sitúase dous anos despois do acontecido na primeira película. Os cuñados vense envoltos nun novo e máis criminal enredo, esta vez co Entroido Ourensán como pano de fondo.

O filme, rodado en galego, contará de novo con algunhas das caras máis recoñecidas do panorama audiovisual: Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez, Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños e Mela Casal. A eles  sumaranse nesta segunda entrega, entre outros, os actores David Perdomo, Ivo Bastos, Ana Saltão e Nuno Sá.

‘+Cuñados’ é unha produción de Portocabo que conta coa participación de RTVE, TVG e Movistar Plus+, o patrocinio da Deputación de Ourense e da D. O. Ribeiro e a subvención da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Baños Films encargarase da distribución en España.

Esta nova aventura dos cuñados arranca coa aparición dun cadáver xusto no medio da ponte internacional de Tui. A provincia de Ourense volverá ser o escenario principal e a zona do Ribeiro tamén terá unha especial presenza nos acontecementos que se desenvolven na película. Como novidade, a cidade de Ourense e as súas localizacións terán un maior peso na película. En ‘+Cuñados’, os espectadores poderán percorrer xunto aos protagonistas as rúas da cidade preparadas para acoller a festa máis agardada do ano: o Entroido.

Éxito da primeira entrega
    
‘Cuñados’ logrou a maior estrea na historia do cine en galego ata o momento, con máis de 120 salas na súa primeira fin de semana. Conseguiu que milleiros de espectadores volveran ao cine en tempos de pandemia e situouse como unha das mellores estreas españolas de 2021. Tras a súa viaxe por salas de cine, a película foi vendida a outros territorios internacionais como Grecia, Suíza ou toda a América Latina. Tamén percorreu decenas de localidades de Galicia, Portugal e outras partes de España, baixo os diferentes ciclos de verán que se realizaron.

Seguindo a estela de ‘Cuñados’, esta secuela propón de novo unha longametraxe que fale da cultura e idiosincrasia galegas e da súa peculiar maneira de facer rir. Cun elenco e equipo técnico galego e rodada integramente en Galicia, ‘+Cuñados’ continúa coa aposta por facer comedias familiares en galego.

Publicidade
Publicidade
Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade