div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

A película ‘O soño da Sultá’, con selo da TVG, premiada en Gales, no Celtic Media Festival, como mellor cinta de animación

Durante os vindeiros días, coñeceranse os gañadores nas restantes categorías destes galardóns, aos que a Televisión de Galicia chegou cun total de 14 candidaturas

O certame promove a cultura e linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación

crtvg.gal 04/06/2024 18:17

Santiago, 04.06.2024.-    A película ‘O soño da sultá’ apoiada pola Televisión de Galicia acadou esta tarde en Cardiff (Gales) o Premio Celtic Media Festival 2024 na categoría de animación no transcurso da 45ª edición deste certame, no que ata 12 producións galegas compiten con propostas de canles como a BBC, medios franceses e a RTE irlandesa. O premio foi recollido por Montse Besada, xefa de Contidos da TVG.

    ‘O soño da sultá’, unha fábula dirixida por Isabel Herguera e producida por Abano Producións, está inspirada nun conto feminista indio, escrito en 1905 por Rokeya Hossain. Esta coprodución internacional, con factura galega, foi primeiro filme animado europeo en competir na sección oficial de San Sebastián e acumula galardóns a nivel nacional e internacional, incluíndo o premio á mellor longametraxe de animación que acaba de conseguir no Anima Film Festival de Bruxelas. En San Sebastián, ‘O soño da sultá’ gañou o premio Irizar e o premio da Asociación Vasca de Guionistas, e estivera tamén nominada nos Premios Goya deste 2024.

O Celtic Media Festival, que promove a cultura e linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación, ten lugar desde hai 45 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles e a Bretaña francesa. Trátase dunha cita obrigada para poñer en valor os produtos audiovisuais galegos na contorna internacional e nel a Corporación establece sinerxías con televisións internacionais europeas, que posibilitan, entre outras cousas, acordos de cesión de contidos e proxectos comúns. Durante os vindeiros días, coñeceranse os gañadores nas restantes categorías dos Premios Celtic Media Festival 2024, aos que a TVG chegou cun total de 14 candidaturas.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade