div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A Radio Galega e AGalegaAudio.gal retransmiten esta semana a Copa do Rei, cos partidos do Deportivo, o Celta e o Ourense C. F.

De martes a xoves, ofreceranse edicións especiais do programa ‘Galicia en Goles’ desde as 18:45 h

csag.gal 15/12/2025 13:58

Santiago, 15.12.2025.-    A última semana de 2025 con partidos de fútbol principia coa terceira eliminatoria da Copa do Rei, competición en que aínda continúan en xogo tres equipos galegos. De aí que o ‘Galicia en Goles’ estea preparado para retransmitir desde o martes e ata o xoves as citas do Deportivo, o Celta e o Ourense C. F. Os oíntes estarán informados os tres días a partir das 18:45 h, da man de Roberto Carlos Carballo, a través da FM de Radio Galega e da plataforma AGalegaAudio.gal.

O martes, os micrófonos da Radio Galega estarán en Riazor co enfrontamento entre o Deportivo da Coruña e un rival de Primeira División: o Real Mallorca. No ambiente hai un aire de desquite polo que sucedeu na noite de San Xoán de 2019, cando o cadro balear lle quitaba o ascenso ao cadro herculino remontando o 2-0 da ida e tras unha prórroga. Así e todo, esta rolda non chega no mellor momento para o Deportivo, que encadeou dúas derrotas consecutivas na liga, xogando como local ante o Castelló e o filial da Real Sociedade.

O mércores, o estadio Carlos Belmonte será o punto de directo coa visita do Celta a un rival de Segunda División: o Albacete. Logo de derrotar o Athlétic de Bilbao, o equipo de Claudio Giráldez aparca a competición ligueira por uns días para tratar de acceder á cuarta fase sen confianzas, despois de sufrir ante o San Andreu, ao que eliminaron tras unha longa quenda de penaltis.

Por último, o xoves chegará a quenda do Ourense C. F., a revelación unha temporada máis da Copa do Rei. Este curso botou dous rivais de Primeira División: o Real Oviedo e o Xirona. Agora trata de facer historia ante o Athlétic de Bilbao, que está disputando a Champions League.

A partir do sábado, a Liga volverá ser a protagonista no ‘Galicia en Goles’. Antes do descanso polo Nadal, o Celta ten que xogar no Carlos Tartiere ante o Real Oviedo, que acaba de despedir o segundo adestrador da temporada, mentres que o Deportivo visitará o Andorra. Os dous equipos galegos xogarán en horario de sobremesa, polo que a Radio Galega adiantará o comezo da programación deportiva ás 13:45 h.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade