div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A Radio Galega e AGalegaAudio.gal retransmiten este xoves o Celta-Niza

O partido corresponde á terceira xornada da Europa League

csag.gal 22/10/2025 17:00

Santiago, 22.10.2025.-    Este xoves volve o fútbol europeo á sintonía da Radio Galega e á plataforma AGalegaAudio.gal. A partir das 20:00 h, desde o estadio municipal de Balaídos, Roberto Carlos Carballo conducirá a retransmisión do partido correspondente á terceira xornada da Europa League entre o Celta de Vigo e o Niza de Francia. 

Tras nove xornadas de campionato na liga española, o Celta é o único equipo que aínda non coñece a vitoria, se ben empatou sete partidos e só perdeu dous. Na competición continental é onde foi quen de atopar o camiño do triunfo e buscará repetir o resultado ante o conxunto francés, que ocupa a décima praza na Liga gala tras derrotar a pasada xornada o Olympique de Lión.

Víctor López, Gonzalo Alonso, Moncho Carnero e Xosé Ramón Valtierra contarán o Celta-Niza desde unha hora antes de que rode o balón e ata unha despois do xogo, para ofrecer en directo a rolda de prensa do adestrador Claudio Giráldez e falar na zona mixta cos principais protagonistas.

A Radio Galega continuará durante a fin de semana co calendario de retransmisións dos equipos galegos. Así, o sábado destacan na Primeira RFEF o derbi Celta Fortuna-Rácing de Ferrol e a visita do Ourense C. F. a Cáceres. Na Segunda RFEF haberá encontro de rivalidade en Vigo entre o Coruxo e a Unión Deportiva Ourense, ademais do enfrontamento en Abegondo entre os dous primeiros clasificados do grupo 1: Fabril Deportivo-Oviedo Vetusta. No polideportivo destacan o Barcelona-Breogán, da ACB de baloncesto, e o Cangas-Logroño, da Asobal de balonmán.

O domingo vai ser un día súper, xa que o ‘Galicia en Goles’ volve ter sesión continua cos dous grandes do fútbol galego. Así, o Celta visita o estadio Sadar en Pamplona para enfrontarse ao Osasuna e a continuación comezará en Riazor o Deportivo-Real Valladolid da Segunda División. Na sobremesa haberá fútbol das ligas da Federación, con especial atención ao Arenteiro-Pontevedra no Espiñedo, xunto ao Unionistas-Lugo en Salamanca. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade