div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A Radio Galega estrea unha temporada para sorprender: máis directo, novas voces e unha programación para vivir Galicia

A emisora pública renova os seus grandes magazines, incorpora novos espazos e afronta unha temporada deportiva que será histórica

Isabel Pichel toma as rendas de ‘A tarde’ e Javi Guillén e Iago Gayoso lideran ‘A penaltis’, nunhas noites renovadas

Dúas estreas para a fin de semana, ‘En boa onda’ e ‘Galicia viaxeira,’ xunto co regreso de ‘Milenio, o alén’
 

csag.gal 30/08/2026 19:30

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2026.- A Radio Galega estreará o luns 31 de agosto unha temporada marcada pola renovación, o directo e a vontade de estar máis preto da audiencia. A grella 2026-2027 combina información, deporte, divulgación, música e entretemento cunha idea central: contar Galicia desde Galicia, coa súa xente e desde todos os seus territorios.

A nova oferta reforza os grandes magazines, incorpora voces recoñecidas, recupera un formato emblemático e abre espazo a propostas especializadas de saúde, benestar e viaxes. A emisora intensificará tamén a presenza nas rúas, vilas e cidades e deseñará contidos capaces de prolongar a súa vida máis alá da emisión lineal, a través de AGalegaAudio.gal, o vídeo e as redes sociais.

Claves da nova tempada

    • Isabel Pichel reinventa ‘A tarde’. O gran magazine vespertino estrea dirección, seccións e colaboradores para combinar emoción, divulgación e servizo público.
    • Javi Guillén e Iago Gayoso toman as rendas de ‘A penaltis’ para vivir cada noite un derbi radiofónico de altura.
    • Dúas estreas para a fin de semana. ‘En boa onda’, con Raquel Atanes, coñeceranse as claves do benestar e dos coidados, e María Rodríguez fará de ‘Galicia viaxeira’ toda unha experiencia sonora para percorrer cada recuncho do noso país.
    • Volve ‘Milenio, o alén’, con Antón Rebollido, para descubrir os misterios, as lendas e as incógnitas que agocha o noso patrimonio.
    • A información, columna vertebral da programación.  Luís Ojea, Xosé Valiñas, Silvia Pereira e Marta González Salve porán voz á actualidade, á proximidade e ao servizo público na Radio Galega.
    • Dúas voces para unha temporada deportiva histórica.  Paco Santos liderará a edición semanal do ‘Galicia en goles’ mentres que Roberto Carlos Carballo seguirá facendo vibrar a audiencia nas fins de semana.

‘Galicia por diante’: máis rúa e novas voces

Kiko Novoa e Cristina García continuarán á fronte de ‘Galicia por diante’, o magazine matinal que se emitirá de luns a venres de 09:30 a 14:00 horas e que chega á súa décimo oitava temporada cunha aposta reforzada pola actualidade, as historias humanas e a presenza da radio alí onde suceden as cousas. 

O magazine matinal sumará as voces de Esther Estévez, Ana Gayoso e Ricardo Saavedra. Toñito de Poi levará o seu Poigrama por mercados, lonxas, peixarías, froitarías e outros espazos da vida cotiá para coñecer a quen lles dá vida. Héctor Castiñeira, Enfermeira Saturada; Miguel Ángel Cajigal, O Barroquista; e Pedro Feijoo achegarán novas perspectivas sobre a saúde, a cultura, a historia, a sociedade...

Carla Núñez e Marcos López, Todo Mal, manterán o seu humor rebelde en ‘A bóla extra’. A retranca volverá servir para ler a actualidade desde outro ángulo nun espazo no que a audiencia tamén é protagonista.

Isabel Pichel toma as rendas de ‘A tarde’

Unha das principais novidades será a chegada de Isabel Pichel á dirección e presentación de ‘A tarde’. De luns a venres, entre as 15:00 e as 19:00 horas, o magazine combinará humor, actualidade, divulgación, entrevistas e contidos de servizo para converter a franxa vespertina nun gran punto de encontro coa audiencia.

Leti da Taberna animará as sobremesas de luns a mércores, mentres que os xoves e os venres será tempo para as historias de Virtudes. Jorge Mira achegará a ciencia; Marta Doviro descubrirá a vida mariñeira; Manuel de Lorenzo narrará historias incribles pero reais; Óscar de Miguel falará de innovación, emprendemento e intelixencia artificial, e Ana Castro Liz abordará a saúde mental.

O programa deterase tamén nas persoas que están detrás da actualidade mediante entrevistas, testemuños e reportaxes. No seu último tramo reforzará a utilidade pública con José Turvegal, Iago Regueira, Enia Gándara, Maximino Pérez e Clara Redondo, en ámbitos como o lecer, o autocoidado, o ambiente, a seguridade viaria e o coidado das plantas.

‘Seres’ e ‘A penaltis’ reforzan as noites

‘Seres’, con Rubén Riós, seguirá sendo de luns a xoves, de 21:00 a 22:00 horas, a voz da solidariedade e da humanidade na Radio Galega. O programa adianta a súa emisión a esa hora para situar en primeiro plano historias de superación, compromiso e transformación social contadas polos seus protagonistas.

A continuación, de 22:00 a 00:00 horas, de luns a xoves, Javi Guillén e Iago Gayoso tomarán os mandos de ‘A penaltis’. O programa converterá cada noite nun derbi radiofónico con análise, rivalidade, entretemento e paixón polos equipos galegos. Os venres, esa franxa nocturna pasa a ser integramente para o deporte, coa ampliación de ‘Galicia en goles’ ata a medianoite.

Dúas estreas para a fin de semana: saúde e viaxes

‘En boa onda’ será o novo magazine de saúde, benestar e calidade de vida, os sábados de 10:00 a 11:00 horas. Conducido pola xornalista Raquel Atanes, abordará o descanso, a alimentación, o exercicio, o coidado persoal e a saúde mental desde unha perspectiva próxima, positiva e rigorosa. Reportaxes, especialistas galegos, historias humanas e preguntas da audiencia compartirán unha filosofía clara: falar de saúde para vivir mellor, sen alarmismos e con consellos prácticos.

‘Galicia viaxeira’, os sábados de 11:03 a 12:00 horas, convidará a redescubrir o país como unha guía sonora viva do territorio. Cada semana explorará unha vila, aldea, parroquia ou cidade a través da súa xente, as paisaxes, a gastronomía, a música, a natureza e o patrimonio. María Rodríguez exercerá como narradora e guía, mentres Xiana Albor percorrerá o territorio para recoller historias e sons.

Sabrosura Fest mantén o pulso da música galega

O Capitán Sabrosura seguirá poñéndolles ritmo aos sábados en ‘Sabrosura Fest’, de 13:03 a 14:00 horas, punto de encontro da música feita en Galicia. O programa manterá a aposta por descubrir e impulsar novos talentos e conversará con artistas e grupos xa consolidados, con actuacións, entrevistas e enerxía para abrir a fin de semana coa mellor banda sonora.

‘Milenio’ volve abrir as portas do alén

Antón Rebollido regresa con ‘Milenio, o alén’, o histórico espazo dedicado ao misterio, ás lendas, ao patrimonio e aos grandes enigmas do pasado e do presente. Emitirase de luns a xoves, de 00:03 a 01:00 horas, e contará cunha edición especial os domingos, na mesma franxa horaria. Rafael Quintía abordará a antropoloxía e as tradicións galegas; Borja Tosar explorará os misterios do universo; Miguel Pedrero investigará fenómenos estraños e experiencias dos oíntes e Carlos Fernández percorrerá os lugares máis máxicos de Galicia. A edición dominical incorporará, con Viti González, unha sección dedicada ás desaparicións misteriosas e á crónica negra.

Madrugadas de humor, entretemento e compañía

Pepe Capelán e Toño Casais seguirán sendo, de 01:03 a 06:00 horas todos os días da semana, as voces dunhas madrugadas nas que sempre hai moito que contar e calquera cousa pode pasar. De luns a venres, Pepe Capelán converterá ‘A boas horas’ nun espectáculo de humor, entretemento e compañía xunto con Noemí Martínez, Marita e Rubén Pérez. Nas fins de semana, Toño Casais, Isi e Ilda Mosquera prolongarán a festa con humor, tarot e participación en directo.

A información, columna vertebral da programación

A Radio Galega manterá unha ampla oferta informativa para acompañar a audiencia desde primeira hora e ofrecer as claves da actualidade galega, estatal e internacional, sempre coa proximidade e o servizo público como sinais de identidade.

De luns a venres, Luís Ojea conducirá, de 06:00 a 09:30 horas, ‘Galicia por diante informativo’, que abrirá a xornada coa última hora, entrevistas, análise e conexións coas delegacións territoriais. De 14:00 a 14:30 horas, Xosé Valiñas estará á fronte da edición mediodía de ‘A crónica’, mentres que Silvia Pereira tomará a remuda ás 19:00 horas coa edición serán de ‘A crónica’ (ata as 21:00 horas de luns a xoves, e ata as 20:00 horas os venres) para ordenar, explicar e contextualizar as noticias que marcan o día.

Os informativos da fin de semana estrean voz con Marta González Salve, que conducirá ‘Galicia por diante fin de semana’ (de 09:00 a 10:00 horas) e ‘A crónica’ (de 14:00 a 14:15 horas) os sábados e domingos. Tamén estará á fronte de ‘Mar de Ardora’ os sábados, de 08:00 a 09:00 horas, e de ‘Ferrado e medio’ os domingos, na mesma franxa horaria, dous espazos que achegarán información, territorio e realidade social cunha mirada próxima.

‘Galicia en goles’, preparado para unha temporada histórica

O deporte será un dos grandes eixos da programación. Paco Santos converterase na voz de ‘Galicia en goles’ de luns a venres, de 14:30 a 15:00 horas, nunha cita diaria coa última hora, a análise e os protagonistas dos equipos e deportistas galegos.

Nas fins de semana, Roberto Carlos Carballo continuará á fronte do programa decano da emisora, que ampliará considerablemente a súa presenza na grella: os venres, de 20:00 a 00:00 horas; os sábados, de 14:15 a 00:00 horas; e os domingos, de 11:45 a 14:00 horas e de 14:15 a 23:00 horas. ‘Galicia en goles’ levará a emoción das retransmisións en directo desde campos e pavillóns nunha temporada chamada a ser histórica para o deporte galego.

Máis cultura e máis ‘Diario cultural’

A Radio Galega reforza tamén a súa aposta pola cultura coa ampliación do ‘Diario cultural’, que duplica a súa presenza na fin de semana cunha edición dunha hora sábado e domingo, e consolida un espazo propio para a creación, o pensamento e as diferentes expresións artísticas de Galicia da man de Begoña Vázquez. A cultura mantén a súa lapela destacada en AGalegaAudio.gal onde se poden atopar todos os programas do ‘Diario cultural’ e podcast como ‘Voces expertas’, ‘Letras Galegas’, ‘Escoitamos teatro’, ‘Sala 5’…

Este incremento da programación especializada complementa unha concepción transversal da cultura, que seguirá formando parte dos magazines e dos distintos espazos diarios da emisora a través de entrevistas, actuacións en directo e atención permanente á actualidade cultural. Amais do equipo habitual da Radio Galega, sumaranse as voces de Miguel Ángel Cajigal, O Barroquista, Carlos Crespo, Noel Turbulencias, Malores Villanueva e Afonso Becerra, que achegarán análise, divulgación e diferentes perspectivas sobre a actualidade e a creación cultural galega.

Unha radio que se escoita, que se ve e se comparte

A temporada 2026-2027 consolida unha Radio Galega aberta, plural e conectada coa audiencia. A emisora reforzará a súa dimensión dixital con contidos baixo demanda, podcast e videopodcast en AGalegaAudio.gal e nas redes sociais, para que cada historia poida chegar máis lonxe, atopar novos públicos e ser compartida.

                                                                                          A radio... mellor á Galega

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade