A Radio Galega viaxa co Celta a Friburgo nos cuartos de final da Europa League - CSAG
A Radio Galega viaxa co Celta a Friburgo nos cuartos de final da Europa League
Este xoves, edición especial de ‘Galicia en goles' desde as oito da tarde

Santiago, 7.4.2026.- A Radio Galega e a plataforma AGalegaAudio.gal retransmitirán este xoves o primeiro partido dos cuartos de final da Europa League. O Celta de Vigo inicia a eliminatoria ante o Friburgo como visitante, no Europa Park Stadion, deixando o desenlace para o día dezaseis en Balaídos. Roberto Carlos Carballo dirixe a edición especial de ‘Galicia en goles’, que estará en antena desde as oito da tarde e ata as doce da noite. Víctor López narrará este histórico partido, acompañado nos comentarios polos especialistas Ramón Carnero, Xosé Ramón Valtierra e Mr Asubío.
O Celta chega aos cuartos de final da segunda competición continental tras eliminar ao campión da liga regular, o Olympique de Lión, ao que mesmo foi quen de superar no partido de volta xogado en Francia. Por este motivo, o premio para os xogadores de Claudio é ter a opción de disputar o segundo encontro actuando como locais.
A vitoria do pasado domingo en Mestalla por 2-3 ante o Valencia confirma a espectacular temporada dos olívicos, que a falta de oito xornadas mantén todas as opcións de entrar entre os cinco primeiros e disputar a Champions a próxima temporada. Mentres, o rival alemán deste xoves sufriu unha derrota ante o Bayern de Múnic por 2-3, despois de ir gañando 2-0 ata o minuto 80 e encaixar os dous últimos goles no tempo de prolongación.
O Friburgo-Celta é a primeira retransmisión dunha axenda que estará ateigada de eventos na fin de semana. O sábado, a partir das dúas e cuarto da tarde, o fútbol da Primeira RFEF será o argumento de partida co derbi no Couto entre o Ourense C. F. e o Lugo. Logo chegará unha tarde intensa de baloncesto, co Breogán-Andorra da Liga ACB desde o Pazo de Lugo e o decisivo Basquet Coruña-Obradoiro no Coliseum, de onde pode saír o campión da Primeira FEB con praza directa para a máxima categoría. Tamén a competición feminina estará presente desde A Malata, co Baxi Ferrol-Zaragoza. O fútbol volverá no último treito, ás nove da noite, co encontro da Primeira RFEF entre dous candidatos a disputar a fase de ascenso á Segunda División, o Rácing de Ferrol e o Real Madrid Castela.
Xa o domingo, a edición matinal principia ás doce con Riazor como punto de directo para narrar o derbi rexional da Segunda RFEF entre o Fabril Deportivo e a Unión Deportiva Ourense. A falta de catro xornadas para o remate da competición regular, o filial é líder con nove puntos de vantaxe sobre o Oviedo Vetusta polo que de gañar nesta cita lograría o ascenso virtual, que podería converterse en definitivo si os asturianos no suman a vitoria pola tarde. A outra cita destacada da matinal levará á audiencia ata o Pazo de Lugo, escenario do Ensino Lugo-Xirona na Primeira feminina de baloncesto.
A partir das dúas e cuarto, a tarde trae unha sesión continua cos grandes do noso fútbol. O Deportivo é o primeiro en saltar ao céspede para enfrontarse ao Huesca no estadio Alcoraz. Logo chegará o Celta-Oviedo desde Balaídos, na Primeira División. O ‘Galicia en goles’ tamén atenderá a Primeira e a Segunda RFEF con este calendario: Arenas-Celta Fortuna, Barakaldo-Arenteiro, Pontevedra-Ponferradina e Bergantiños-Sarriana.
#GaliciaEnXogo
Ao remate da xornada deportiva, contra as once da noite, a Radio Galega emite novas entregas do proxecto #GaliciaEnXogo. A primeira media hora, os contidos estarán centrados no mundo do motor, da man de Rodrigo Pérez, que debullará a participación do vigués Rubén Fernández no Gran Premio de Sardinia, en Italia, no Mundial MXGP de motocrós. A partir das once e media, Toni López da voz aos deportistas máis novos de Galicia que teñen como obxectivo entrar na lista definitiva de olímpicos para os Xogos dos Ánxeles 2028.