div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

A Televisión de Galicia renova a grella na temporada do seu 40 aniversario

A presentación da temporada terá lugar este sábado no centro Vialia de Vigo. Emitirase desde alí o programa especial ‘Cantando as 40’, presentado por Arturo Fernández e Noelia Rey, que se poderá seguir en directo na plataforma AGalega.gal

Novidades de programación na mañá, na tarde e na noite. ‘O termómetro’ é o novo magazine das mañás, e o prime time estrea a serie ‘Operación Marea Negra’ e os programas ‘Quero un xardín’, ‘Curando o mundo’, ‘Pesca total’, ‘Gaña a túa aldea’ e moitas máis sorpresas

‘Mimosas’, de Oliver Laxe, e ‘Terapia de parella’ chegan a AGalega.gal, a plataforma de contidos audiovisuais en galego máis grande do mundo tras un verán en que acadou o seu mellor rexistro. ‘Shin Chan’ volve a Xabarin.gal

crtvg.gal 13/09/2024 13:05

Santiago, 12.09.2024.-  A Galega está...“onde estás ti”. E este sábado estará na cidade de Vigo para presentar as novidades da programación 2024/2025, coa que os medios públicos galegos inauguran a celebración dos seus 40 anos de vida. Desde a terraza do centro comercial Vialia, TVG emitirá en directo pola plataforma AGalega.gal (19:00 h) o programa especial ‘Cantando as 40’, presentado por Arturo Fernández e Noelia Rey e aberto ao público. O programa contará coas actuacións de Ortiga, Xisco Feijóo, Wanila, Christian Pensado, G-Face, e a orquestra Cinema, entre outros artistas. Unha das actuacións máis especiais será a da actriz María Mera e un coro sorpresa conformado por caras moi coñecidas da canle. Serán dúas horas en directo en que se despregará a alfombra rosa de celebridades galegas e presentadores da TVG.

Nova temporada en informativos

​​​​​​​Nesta temporada a TVG segue a ser unha televisión de directo, pegada á rúa. O ‘Bos días’, de 8:00 a 11:00 da mañá, será o despertador, con Almudena de Urzáiz á fronte. A temporada arranca xa cunha novidade. Antes do ‘Bos días’, de sete a oito da mañá, emitirase pola TVG en directo o ‘Galicia por diante’ da Radio Galega, nun novo exemplo de innovación multicanle dos medios públicos. Tras ‘Bos días’, as noticias máis locais retoman o pulso na franxa de televisión informativa líder en Galicia, con Sevi Martínez á fronte do ‘Galicia noticias’, que dará paso ao ‘Telexornal mediodía’, presentado por Marta Darriba. A información volve á noite co ‘Telexornal serán’ cunha das novas caras da canle á súa fronte: o xornalista Pablo Muñoz. Na fin de semana segue o esquema de información en directo. ‘Bos días’ estará presentado por Chus Tanoira, o ‘Galicia Noticias’ por Alberto Mancebo, o ‘Telexornal mediodía e serán’ por Raquel Domínguez e os deportes por Irene Lourido.

Óscar Benito, con Gustavo Varela e todo o equipo seguen unha temporada máis á fronte dos deportes na fin de semana e do decano ‘En xogo’; mentres que María Solar e Pilar García Rego traerán todas as novas do eido cultural no multipremiado ‘Zigzag’.

Estreas en todos os tramos horarios

A temporada arranca con novidades en todos os tramos horarios. Pola mañá a TVG estrea novo magazine: ‘O Termómetro’, presentado por Rocío Delgado e Bernardo Montaña. Pola tarde, os espectadores poderán seguir contando no ‘Quen anda aí’ con Roberto Vilar, Eva Iglesias, Juan Fuentes, Raquel Atanes e Marcial Mouzo e con Rocío Durán e David Espiño en ‘Hora galega’. A estes espazos hai que sumarlles novas incorporacións na fin de semana, como o concurso ‘Gaña a túa aldea’, que descubrirá quen é o que máis sabe das comarcas de Galicia.

Novidades de prime time

A semana comeza coa estrea da terceira e impactante temporada de ‘Operación Marea Negra’ na noite dos luns, precedida por ‘Historias de aquí’, serie documental sobre acontecementos, personaxes históricos e fitos que deixaron unha pegada imborrable na memoria colectiva dos galegos: ‘Os sen nome’, sobre o accidente aéreo de Montrove no 1973;  ‘Os 9 aneis de Santo Estevo’; ‘O Mar Exeo’ ... son algúns dos temas tratados.

As noites dos martes serán para ‘Quero un xardín’ (22.30 h), programa en que un equipo de expertos se enfronta ao reto de darlle unha nova vida a espazos verdes que moitas veces semellan irrecuperables. Os mércores volve a música con ‘A liga dos cantantes extraordinarios’ (22.30 h), que contará cun novo xurado de excepción: Antón Reixa. Os xoves, ‘Land Rober Tunai Show’ non falla á súa cita en directo con Roberto Vilar, Eva Iglesias e Miguel Canalejo á fronte do equipo do programa máis divertido da televisión. Os venres seguen sendo para ‘Luar’, con Xosé Ramón Gayoso e Esther Estévez no programa de variedades decano da televisión en España e que arranca a temporada con moitas sorpresas.  

Bamboleo’, o programa máis lingoreteiro da grella, segue nas noites dos sábados con Lucía Regueiro, e os domingos chegan máis novidades da man de ‘Pesca total’ (22.30 h), en que seis concursantes competirán para converterse en mariñeiros. E tras ‘Pesca total’ vén ‘Curando o mundo’ (23.30 h), coas incribles experiencias do médico coruñés Diego González Rivas arredor do mundo, en que aplica a técnica de cirurxía da que é creador e referente mundial.

E antes de todas estas novidades do prime time, o ‘Atrápame se podes’, con Paco Lodeiro, seguirá fiel á súa cita cos concursantes máis sabios de Galicia. Con ‘Fila 1’, o teatro segue presente na TVG e, despois da exitosa estrea a temporada pasada de ‘Somos criminais’, Tania Veiras levará os espectadores da Galega por novas creacións escénicas. No xénero da docuficción, chega á TVG un dos formatos de máis éxito da plataforma AGalega.gal: ‘A gran epopea’, (sábado, 19:15 h.) unha viaxe pola memoria dos grandes fitos da emigración galega do século pasado. E no espazo divulgativo ‘Din que non falan’, as mulleres que son referentes pola súa traxectoria terán un espazo de seu (domingo, 19:15 h.).

Novidades por vir

Nesta temporada do 40 aniversario haberá aínda máis novidades. A TVG está preparando a produción do concurso realityO salvaxe’. Tamén estreará a adaptación do formato da BBC ‘Hit list’ para ver quen sabe máis de música en Galicia, e unha nova serie de ficción, ‘A coral’, con Carlos Blanco na pel do director dunha coral moi especial.

Máis contidos en AGalega.gal e Xabarin.gal, coa volta de Shin Chan
    
AGalega.gal seguirá estreando contidos semanalmente, destacando a chegada do contido dixital ‘Terapia de parella’, unha ficción contada a través das redes sociais que amosará tres parellas de idades diferentes, procedencias e xéneros que acoden á consulta dunha terapeuta para tratar de salvar as súas relacións. Outra das novidades é ‘Sexo con senso’, espazo de contido afectivo sexual cun enfoque integral e divertido, presentado por Lidia Lestegás. Máis cine tamén na plataforma, coas estreas ‘Noises off’ ou ‘Mimosas’, do director galego Oliver Laxe. Ademais, AGalega.gal ofrecerá en directo este sábado, 14 de setembro, tres concertos do Festival Revenidas: The Rapants (15.20 h), El Kanka (20.00 h) e Rebeliom do Inframundo (01.50 h).
     
Na plataforma infantil, Xabarin.gal, volve ‘Shin Chan’, que irá sumando cada semana 10 novos capítulos. Nas vindeiras semanas tamén se estreará a segunda temporada de ‘Bloques de cores’, o filme de animación ‘Houdini’ e a serie galega ‘Picariños’.    

AGalega.gal é de balde, e é a plataforma de contidos audiovisuais en galego máis grande do mundo. Nos seis primeros meses de vida xa chegou a 200 países e desde o seu nacemento, en xaneiro de 2024, está no Top 20 de plataformas máis vistas de España.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade