A Televisión de Galicia retransmite o sábado o Celta-Sevilla pola primeira canle - CRTVG
A Televisión de Galicia retransmite o sábado o Celta-Sevilla pola primeira canle
Desde as 15:45 h. ampla despregadura con Gustavo Varela, Tomás Alonso e Roberto Lago no estadio vigués de Balaídos
O Xabarín da CRTVG saltará o céspede de Balaídos para celebrar coa afición celeste os 40 anos da TVG

Santiago, 08.05.2025.- Faltan catro xornadas para que remate a Primeira División de fútbol. O Celta afronta o último mes do campionato clasificado na sétima posición, que conduce á Europa League. As contas do equipo que prepara Claudio Giráldez pasan por gañar os dous partidos que restan en Balaídos e se cadra sumar algún punto nos desprazamentos a San Sebastián e Xetafe.
Este sábado, desde as 15:45 h, Gustavo Varela, Tomás Alonso e Roberto Lago contarán o encontro que enfronta ao Celta co Sevilla no estadio vigués. Os espectadores poderán seguir a emisión a través da primeira canle da Televisión de Galicia e da plataforma AGalega.gal, coa previa máis completa e os noventa minutos de xogo.
No descanso, o Xabarín da Televisión de Galicia saltará o céspede de Balaídos para celebrar os 40 anos da TVG, que se cumpren neste 2025, e os 40 anos de retransmisións e apoio ao equipo celeste. En canto remate o partido comezará un programa especial conducido por Óscar Benito, para ofrecer as declaracións dos principais protagonistas e as conferencias de prensa dos dous adestradores.
Máis deporte na fin de semana
Durante a fin de semana o deporte tamén estará presente na programación da segunda canle, a G2, ademais da plataforma AGalega.gal. O sábado, a partir das cinco da tarde, o pavillón municipal do Porriño acolle a ida da final da European Cup de balonmán entre o equipo galego e o Valur de Islandia.
Ao remate chegará o fútbol da Primeira RFEF, coa visita do Club Deportivo Lugo ao Nástic de Tarragona no Nou Estadi. A goleada encaixada ante o filial do Barcelona provocou o cesamento de Toni Seligrat como adestrador, coa chegada ao banco de Álex Ortiz procedente do filial da Terceira RFEF.
Xa o domingo, a mañá estará protagonizada polo fútbol da Terceira Federación, co remate da liga regular. A Federación unificou o horario dos nove partidos, programados para as 12:00 horas. As citas chave son o Arousa-Alondras e Betanzos-Noia, no que está en xogo a quinta praza que conduce á promoción de ascenso á Segunda RFEF. A partir das 14:00 h, o motocrós tomará o mando desde o circuíto de Lugo, onde se disputa unha nova proba do Mundial MXGP, coa segunda manga prevista para as cinco da tarde. A xornada deportiva rematará o domingo ás 19:00 h desde o estadio de Riazor, onde o Fabril Deportivo inicia a fase de ascenso á Primeira RFEF recibindo ao UCAM Murcia.
‘En xogo’
O domingo pola noite, contra as 22:25 h, o equipo deportivo da Televisión de Galicia resume na G2 todo sucedido na xornada futbolística cunha nova edición do programa En Xogo. Os espectadores poderán ver amplos resumes dos partidos Celta-Sevilla, Spórting de Xixón-Deportivo e Tenerife-Rácing de Ferrol, ademais do clásico disputado en Montjuic entre o Barcelona e o Real Madrid. Os goles da Primeira e Terceira RFEF, xunto á fase de ascenso desde a Segunda RFEF, completarán a oferta nocturna.
Deportes nos telexornais
De luns a domingo, a TVG dedica amplos espazos de información deportiva nos distintos telexornais e no matinal ‘Bos días’ coa última hora dos equipos galegos que participan nas competicións profesionais de fútbol e baloncesto. Durante os sete días da semana os medios públicos galegos tamén informan do mundo do deporte na plataforma G24.gal e na conta de X @EnXogo_tvG2.