A TVG achega a emoción e o fervor da Semana Santa galega desde Ferrol e Viveiro - CRTVG
A TVG achega a emoción e o fervor da Semana Santa galega desde Ferrol e Viveiro
O Xoves Santo, retransmisión en directo da procesión do Cristo da Misericordia desde Ferrol
O espazo ‘Semana Santa ao Vivo 2025’ tamén ofrecerá o Venres Santo desde Viveiro o Santo Enterro, unha das procesións máis emblemáticas de Galicia
A xornalista María José Campo, de programa da TVG ‘Polo camiño da fe’, e outros expertos relixiosos narrarán as emisións

Santiago, 11.04.2025.- Televisión de Galicia ofrecerá esta Semana Santa dúas das procesións máis emblemáticas do país: o Cristo da Misericordia de Ferrol, o Xoves Santo, e o Santo Enterro de Viveiro, o Venres Santo. Dúas citas clave do calendario relixioso galego que se poderán seguir en directo no espazo ‘Semana Santa ao Vivo 2025’ da canle pública galega.
O Xoves Santo, ás 23:00 horas, as cámaras da TVG trasladaranse a Ferrol para vivir a procesión do Cristo da Misericordia e a Virxe da Piedade, unha das máis multitudinarias da cidade. Máis de 1.100 confrades, 13 terzos, 6 bandas e 5 pasos participarán neste desfile que percorre o centro histórico da cidade, con saída e chegada na Igrexa das Dores. Este ano destaca a estrea do novo manto da Virxe da Piedade, elaborado no obradoiro de Enrique Carrascal grazas á recadación da confraría ao longo de dos anos. A retransmisión contará coa narración de María José Campo, xornalista relixiosa da Diócese de Lugo e directora e presentadora do espazo ‘Polo camiño da fe’, acompañada por expertos como a xornalista Marta Corral, quen achegarán detalles e curiosidades ao longo do percorrido.
Ao día seguinte, o Venres Santo, a partir das 19:30 horas, a atención dirixirase cara a Viveiro, onde terá lugar a solemne procesión do Santo Enterro. Declarada Festa de Interese Turístico Internacional, esta cita rexistra a asistencia de preto de 10.000 persoas cada ano. Desde a Igrexa de Santa María, os pasos do Cristo Xacente, a Urna e a Virxe das Dores transitan polas rúas máis emblemáticas da vila nun ambiente de silencio e recollemento. A cobertura incluirá comentarios da xornalista María José Campo e expertos da Xunta de Confrarías de Viveiro, como o seu presidente José Veiga, ofrecendo unha ollada á simboloxía, historia e emoción deste acto.
Amais de ofrecer as procesións relixiosas, os magazines da TVG -’O termómetro’, ‘Quen anda aí?’ e ‘Hora galega’- realizarán durante toda a Semana Santa un seguimento en directo dos eventos máis destacados desde distintos puntos de Galicia.
A pé de rúa tamén a Radio Galega achegará o máis destacado da programación festiva galega nos seus distintos programas, e AGalega.gal habilitará o espazo ‘Semana Santa 2025’ na sección de ‘Programas’ da plataforma dixital, onde tamén se poderán ver as procesións despois da súa emisión na TVG, amais doutros contidos festivos.