A TVG e AGalega.gal ofrecen este sábado pola tarde o partido de Primeira RFEF Mirandés-U. D. Ourense - CSAG
A TVG e AGalega.gal ofrecen este sábado pola tarde o partido de Primeira RFEF Mirandés-U. D. Ourense
O Rally Terra de Galicia, a Bandeira da Concha, o MXGP de Turquía e a final da Copa Galicia de baloncesto completan as retransmisións deportivas da fin de semana nos medios públicos galegos

Santiago, 04.09.2026.- O fútbol da Primeira RFEF abre o sábado pola tarde as retransmisións deportivas da fin de semana na Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. A primeira canle da TVG e a plataforma AGalega.gal emitirán desde Anduva o partido da Primeira RFEF entre o Mirandés e a Unión Deportiva Ourense. O ‘En Xogo’ ofrecerá a previa a partir das 16:15 h e quince minutos despois comezará a rodar o balón.
Os afeccionados do motor terán desde as 16:30 h, a través da G2 e de AGalega.gal, a estrea absoluta do Rally Terra de Galicia no calendario do Campionato de España, cunha proba que reúne 40 equipos percorrendo nove concellos da provincia da Coruña. A competición chega nun momento decisivo co dúo Gil Membrado/‘Jandrín’ López como líderes destacados tras sumar pleno de puntos nas dúas últimas citas.
A vela completa a axenda deportiva do sábado na plataforma AGalega.gal, coa entrega en Baiona dos Premios Nacionais, en que se recoñecen os regatistas e entidades máis destacadas de 2026. O evento coincide co prestixioso Trofeo Príncipe de Asturias.
Domingo con traiñeiras, motocrós, baloncesto e fútbol
Xa o domingo, as traiñeiras darán a saída á xornada deportiva coa primeira entrega da Bandeira da Concha, desde San Sebastián a partir das 11:00 h. Esta emisión chegará a través da G2 e de AGalega.gal, plataforma que reserva desde esta fin de semana unha canle para o fútbol da Segunda RFEF. Desta volta, ás 12:00 h os espectadores poderán seguir o Compostela-Marino e ás 17:00 h, o Ourense C. F.-Barakaldo.
O motor tamén estará presente na G2 e en AGalega.gal coa penúltima cita do Mundial de Motocrós, unha rolda decisiva para a loita polo título, coa emisión ás 14:00 e ás 16:00 h das dúas mangas do MXGP de Turquía, en que competirá o galego Rubén Fernández.
A partir das 19:00 h haberá baloncesto na segunda canle da TVG e na plataforma, coa final da Copa Galicia entre os vencedores das semifinais do sábado: Ourense-Básquet Coruña e Obradoiro-Breogán. O equipo santiagués parte, en teoría, coa vantaxe de ter o factor cancha ao seu favor, xa que todos os partidos se disputarán no Multiúsos Fontes do Sar. Esta retransmisión é a primeira dunha serie que continuará a partir do luns 14 desde Bulgaria coa fase previa en que participará o Breogán para acceder á fase final da Champions. Logo chegará a temporada da Liga ACB, en que a TVG emitirá pola primeira canle, cada domingo ao mediodía, un partido con presenza dun equipo galego.
‘En Xogo’ os domingos pola noite
Unha vez que remate a xornada, a partir das 22:25 h, a G2 e AGalega.gal abren o formato tradicional do ‘En Xogo’ para visionar todos os goles das ligas organizadas pola RFEF e gozar cos amplos resumos do fútbol profesional. Este domingo, Gustavo Varela analizará en profundidade co equipo de especialistas o Vilarreal-Deportivo, de Primeira, e o Ceuta-Celta Fortuna, de Segunda, ademais de ofrecer a última hora do equipo celeste, que xoga o luns pola tarde en Xetafe. Os espectadores terá un segundo pase do programa, pasada a medianoite, na primeira canle da TVG.