div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A TVG e AGalega.gal retransmiten esta fin de semana os partidos Lugo-Fabril e Xirona-Basquet Coruña

A G2 ofrece o sábado, desde Viveiro, a primeira edición da Milla do Cantábrico

csag.gal 16/10/2026 15:30

Santiago, 16.10.2026.-  A TVG emitirá esta fin de semana dous partidos con protagonismo galego. O sábado Lugo-Fabril, da Primeira RFEF, e o domingo o Xirona-Básquet Coruña, da Liga ACB. A programación deportiva durante a fin de semana complétase coa Milla do Cantábrico desde Viveiro na G2 e catro encontros da Segunda RFEF en AGalega.gal.

A primeira canle da Televisión de Galicia e a plataforma AGalega.gal contarán o sábado, a partir das catro da tarde, o derbi galego da oitava xornada da Primeira RFEF. O Anxo Carro acolle o Lugo-Fabril co equipo local líder en solitario con 19 puntos, tras gañar 3-1 ao Logroñés (dobrete de Chiqui e gol de Alan Godoy). Leva cinco triunfos seguidos e un balance de 12 goles a favor e 4 en contra en sete xornadas. O Deportivo Fabril suma 8 puntos (dúas vitorias, dous empates e tres derrotas), con 8 goles a favor e 8 en contra, e chega á cita tras encadear dúas derrotas co Logroñés e co Rácing Club de Ferrol.

Os seareiros da Segunda RFEF, mentres, terán na plataforma AGalega.gal desde as cinco da tarde a emisión no formato multifútbol dos encontros Ourense C. F.-Coruxo e Compostela-Astorga. No Couto, o equipo das Burgas tratará de aproveitar a crise de resultados do rival vigués e no Vero Boquete o cadro santiagués competirá pola vitoria reforzado tras sumar os tres puntos a pasada xornada no Vao.
    
Mentres, a G2 e AGalega.gal, os afeccionados ao atletismo poderán gozar da primeira edición da Milla Internacional do Cantábrico, en Viveiro, organizada polo Concello e o C. D. Camovi con Adrián Ben como embaixador. O atleta viveirense, campión de España dos 1.500 metros en 2025 e 2026, enfrontarase a David Barroso, campión de España dos 800 e cuarto no Europeo de Birmingham; Ignacio Fontes, campión de Europa sub-23 dos 1.500; Ronaldo Olivo, subcampión de España de pista cuberta dos 800; e o veterano Chema Martínez, campión de Europa dos 10.000 metros en 2002. Entre as mulleres participan as olímpicas Águeda Marqués, undécima en París 2024, e Lorena Martín. A cita reunirá máis de 500 atletas ao longo do fin de semana.

Xa o domingo, a TVG e AGalega.gal iniciarán ás doce menos cuarto a retransmisión desde o pavillón de Fontajau do partido da Liga ACB entre o Xirona e o Basquet Coruña. Os dous equipos teñen un balance de unha vitoria e dúas derrotas. Hai dúas temporadas, o equipo herculino foi quen de gañar na cancha catalá.

AGalega.gal reserva para as cinco da tarde outra sesión multifútbol de Segunda RFEF coas citas Arousa-Llanera e Bergantiños-Oviedo Vetusta. O Bergantiños é líder invicto do grupo con 14 puntos (catro vitorias e dous empates) polo que parte como favorito ante o rival asturiano. Mentres, o Arousa está afogado na zona baixa e segue sen coñecer a vitoria tras catro empates e dúas derrotas.

Ao final da xornada, a G2 e AGalega.gal poñen en antena desde as dez e media da noite o ‘En xogo’ da Liga, con amplos resumos dos partidos Deportivo-Levante e Celta-Alavés, xunto aos goles galegos das ligas dependentes da RFEF. O programa ten unha redifusión, na TVG, a partir da unha da madrugada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade