A TVG e AGalega.gal retransmiten este sábado o partido de Primeira RFEF entre o Mirandés e o Rácing de Ferrol - CSAG
A TVG e AGalega.gal retransmiten este sábado o partido de Primeira RFEF entre o Mirandés e o Rácing de Ferrol
Os afeccionados ao baloncesto poderán ver o domingo, a través da segunda canle, o encontro da Liga ACB entre o Tenerife e o Obradoiro

Santiago, 23.10.2026.- O fútbol e o baloncesto protagonizan as retransmisións deportivas desta fin de semana na programación deportiva da Televisión de Galicia. A primeira cita chegará o sábado, ás 16:30 h, pola primeira canle da TVG e pola plataforma AGalega.gal, co Mirandés-Racing de Ferrol, correspondente á novena xornada da Primeira Federación.
O Rácing chega a Miranda de Ebro como terceiro do Grupo 1, con 16 puntos en oito xornadas (cinco vitorias, un empate e dúas derrotas) e un saldo de nove goles a favor e cinco en contra. A clasificación está liderada polo Lugo, invicto, con 22 puntos. O conxunto ferrolán acaba de gañar por 1-0 ao Unionistas de Salamanca na Malata, cun gol de Roberto Arroyo, despois de impoñerse na xornada anterior no campo do Fabril (0-1). Enfronte estará un Mirandés que descendeu da Segunda División na pasada temporada e que ocupa a 12ª posición con 11 puntos (tres vitorias, dous empates e tres derrotas, con dez goles marcados e dez encaixados). O equipo de Miranda de Ebro perdeu 0-2 en Barakaldo na última xornada, o que provocou a destitución de Antxón Muneta e a chegada ao banco de Aday Benítez.
A partir das 19:00 h, a G2 e Agalega.gal emiten o Celta Femxa Zorka-Cadí La Seu, da quinta xornada da Liga Femenina Endesa, no Pavillón de Navia. O cadro vigués aínda non coñece a vitoria: encadea catro derrotas en catro xornadas. Caeu na prórroga ante o Gernika (80-84) tras chegar a mandar por 17 puntos, perdeu en Donostia co Mirai Euskotren, foi superado polo Casademont Zaragoza (52-83) e cedeu o pasado domingo en Alcantarilla ante o Jairis (77-57).
O domingo, ás 13:00 h, a G2 e AGalega.gal reciben a Liga Endesa co La Laguna Tenerife-Monbus Obradoiro, da quinta xornada, no Santiago Martín. O Tenerife foi semifinalista da pasada Liga despois de eliminar o Real Madrid nos cuartos de final e comparte os mesmos números que o cadro santiagués: tres vitorias e unha derrota.
Por último, ás 17:00 h, AGalega.gal emite o Ourense C. F.-Ximnástica de Torrelavega, da oitava xornada da Segunda Federación (Grupo 1), no estadio do Couto. O Ourense C. F. é oitavo, con 10 puntos (tres vitorias, un empate e tres derrotas, con cinco goles a favor e oito en contra), pero atravesa por unha crise durante este mes, xa que só sumou un punto.
‘En Xogo’
O domingo, ás 22:30 h, a G2 pecha a xornada co ‘En Xogo’, o resumo de toda a fin de semana deportiva, con especial atención a dous partidos da Primeira División: Atlético de Madrid-Deportivo e Celta-Betis. O programa tamén atenderá o Xirona-Celta Fortuna e ofrecerá todos os goles dos encontros en que participaron os equipos galegos que compiten nas distintas categorías da RFEF. A partir das 01:00 h, o programa ten un segundo pase a través da primeira canle da TVG.