A TVG e os equipos galegos toman o mando da 1ª RFEF - CSAG
A TVG e os equipos galegos toman o mando da 1ª RFEF
Os seis equipos galegos do Grupo 1, a maior representación territorial da categoría, protagonizan os 40 partidos que poderán verse a través da G2
O primeiro encontro chega o 29 de agosto: Castilla–Lugo, desde o Alfredo Di Stéfano

Santiago, 22.8.2025.- A Televisión de Galicia acaba de pechar un acordo coa Real Federación Española de Fútbol (RFEF) que permitirá a retransmisión en aberto de 40 partidos da Primeira RFEF ao longo da tempada 2025-2026. Con este compromiso, a canle pública galega reforza o seu labor de servizo á cidadanía, garantindo unha ampla cobertura do fútbol de proximidade e situando a Galicia como gran protagonista dunha competición na que ningún outro territorio conta con tantos representantes.
O Grupo 1 da Primeira RFEF terá sabor galego coma nunca, con seis equipos da nosa comunidade: Rácing de Ferrol, Lugo, Pontevedra, Ourense C. F., Celta Fortuna e Arenteiro. Esta presenza masiva converte Galicia no auténtico epicentro da categoría de bronce, onde tradición, rivalidade e proxectos emerxentes conflúen para ofrecer unha tempada chea de emoción.
O primeiro capítulo da nova grella deportiva será o venres 29 de agosto ás 19.15 horas, co partido entre o Real Madrid Castilla e o C. D. Lugo no estadio Alfredo Di Stéfano. Nas semanas seguintes, a programación da G2 achegará encontros de alta expectación como o Ponferradina–Pontevedra, no Toralín, ou o Rácing de Ferrol–Ponferradina, na Malata, dous choques con aroma de derbi do noroeste.
Cada club galego afronta o curso con obxectivos definidos: o Rácing de Ferrol, firme candidato ao ascenso tras dúas campañas na Segunda División; o Lugo, revitalizado coa chegada de Iago Iglesias ao banco; o Pontevedra, de regreso á categoría tras dous anos; o Celta Fortuna, que mestura formación de talentos con aspiracións competitivas; o Arenteiro, consolidado no seu terceiro curso consecutivo; e o Ourense C. F., que busca reafirmarse despois dun debut ilusionante pero esixente.
Con este acordo, a Galega garante visibilidade e proximidade, ofrecendo á audiencia galega a posibilidade de seguir en directo unha tempada que promete espectáculo e emoción, e reforzando o vínculo entre os equipos e a sociedade galega que os apoia.