A TVG estrea o martes á noite 'Latitude galega', un novo formato que explora o mundo da man da diáspora, despois do 'Land Rober' - CSAG
A TVG estrea o martes á noite 'Latitude galega', un novo formato que explora o mundo da man da diáspora, despois do 'Land Rober'
A primeira entrega desprázase a Múnic, onde cinco galegos amosan a cidade xunto a Alba Mancebo e Perico Balado

Santiago, 9.12.2025.- A TVG estrea este martes en horario de ‘prime time’ ‘Latitude galega’ (22:45 h), un novo programa de viaxes que percorre diferentes lugares do mundo a través das experiencias dos galegos que viven no exterior. Ao longo de trece entregas, os reporteiros Alba Mancebo e Perico Balado visitan diversos países para coñecer, xunto ás persoas protagonistas, a gastronomía, a cultura e as paisaxes do seu lugar de adopción, establecendo sempre pontes con Galicia.
O primeiro destino da serie é Múnic, unha das cidades máis destacadas de Alemaña, coñecida polas súas amplas zonas verdes, pola tradición cervexeira e pola presenza do histórico Bayern de Múnic. Nesta primeira viaxe, Alba Mancebo achégase á capital bávara da man de cinco galegos residentes na cidade, que comparten vivencias e amosan eses recantos que marcaron o seu día a día.
Deste xeito, ‘Latitude galega’ coñecerá a capital de Baviera con cinco galegos: Laura Macías, veterinaria de Teo; Lucía Peraza, guía turística de Santiago; Berta Lema, enxeñeira da Coruña; David Rodríguez, informático de Vigo, e Antonio Gallego, xefe de departamento de Ourense.
