A TVG estrea este sábado 'Tarde piaches', un novo magazine para as tardes das fins de semana - CSAG
A TVG estrea este sábado 'Tarde piaches', un novo magazine para as tardes das fins de semana
Silvia Jato e Isabel Blanco presentan esta nova proposta de catro horas en directo
Un formato pegado á rúa, que combina actualidade, as historias da xente, humor e divulgación
Na estrea abordará temas como a menopausa e contará con Moncho Borrajo, Esther Teijeiro e Paula Trigo entre os convidados

Santiago, 6.5.2026.- Hai programas que se ven e programas que se senten. ‘Tarde piaches’ nace coa vocación de ser o espazo onde Galicia se recoñeza cada fin de semana. O novo magazine da TVG chega á grella este sábado 9 de maio, coa intención de poñer en valor o territorio a través das súas historias e, sobre todo, da súa xente.
Á fronte deste proxecto estarán dúas profesionais moi coñecidas da pequena pantalla, a lucense Silvia Jato, cunha ampla traxectoria televisiva, e a carismática actriz Isabel Blanco como copresentadora. Xuntas liderarán unha viaxe de catro horas en directo, de 16:00 a 20:00 horas.
Unha sobremesa para conversar e divertirse
Cada edición, ‘Tarde piaches’ comezará cunha conversa centrada nas inquedanzas da audiencia. Neste escenario, os convidados relatarán as súas vivencias en primeira persoa, convertendo o espazo nun punto de encontro e diálogo onde non hai temas tabú. Esta sobremesa inicial servirá de antesala a un abano de seccións e colaboradores, que buscarán entreter e acompañar o público sen présa, pero con moito ritmo.
Os sábados, o divulgador científico e xornalista Xavier Fonseca achegará ‘Historias do tempo’, unha sección que explicará os fenómenos meteorolóxicos que condicionan o noso día a día. O toque de humor porano Carlota Ghatos e a súa avoa Pepa, cunha intervención destinada a contrastar as visións de dúas xeracións diferentes a través da linguaxe e as redes sociais.
Os domingos será a quenda do xornalista Manuel Gago con ‘As cousas de Gago’, un espazo para descubrir os segredos mellor gardados do noso patrimonio. Ademais, os maiores volverán ter protagonismo cun receitario que revela as fórmulas secretas dos pratos máis emblemáticos e curiosos do país.
A oferta das dúas xornadas complétase cun concurso, onde se poñerán en valor as imaxes de arquivo, reportaxes, entrevistas e actuacións musicais.
Baixo a dirección de Matías Tarrío e o selo de Voz Audiovisual, ‘Tarde piaches’ aposta por ofrecer unha mirada fiel e diversa da realidade galega. Pola súa parte, as reporteiras Alejandra Tojo e Erea Hierro percorrerán as catro provincias para levarlle á audiencia as historias que están acontecendo en cada recuncho, dándolle voz aos seus verdadeiros protagonistas.
Entrevistas variadas, divulgación e humor na súa estrea
O primeiro programa, o sábado 9 de maio, reflectirá con fidelidade a esencia deste novo formato, que busca equilibrar a divulgación co entretemento puro. A sobremesa abordará a menopausa, para continuar cunha terna de entrevistas que amosan a pluralidade e a sensibilidade do espazo.
Entre os convidados, ‘Tarde piaches’ contará co humorista Moncho Borrajo; con Esther Teijeiro, pioneira na denominación Ribeira Sacra e referente no cultivo ecolóxico; e con Paula Trigo, quen tras superar o transplante dos pulmóns por unha enfermidade rara, é todo un exemplo de superación. O resto de sorpresas reservaranse para quen se anime a descubrir esta nova aposta televisiva da fin de semana.
