div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A TVG estrea 'Orgullo de familia', un novo docu-reality sobre a vida de tres familias xitanas galegas

Os Jiménez Jiménez, os Ventos Romero e os Jiménez Hernández comparten as súas historias, tradicións e soños nun espazo que amosa a honra de ser galego e caló 

csag.gal 09/09/2026 00:01

Santiago, 9.9.2026.-   Televisión de Galicia estrea este mércores 'Orgullo de familia' (22:50 h), un novo docu-reality que achega aos espectadores a realidade cotiá de tres familias xitanas galegas. Ao longo de 13 capítulos, a serie convida a descubrir as súas historias, raíces, costumes e valores, nun retrato íntimo e respectuoso que reivindica o orgullo de sentirse galego e caló.

Os Jiménez Jiménez, de Ourense, son unha familia tan apaixonada como unida. Paco e Marta están á fronte dun clan en que os seus tres fillos foron formando os seus propios fogares: Simón e a súa parella, Anaís; Alba e o seu marido, Sinaí; e a máis nova, Aitana, que se atopa inmersa nos preparativos da súa voda con Jhony. 

Desde Santiago de Compostela chegan os Ventos Romero, unha familia orgullosa das súas raíces e decidida a construír o seu futuro sen renunciar ás súas tradicións. Entre os seus integrantes están Mikael Romero e Aroa Ventos, unha parella que acaba de iniciar a súa vida en común e que soña con abrir un salón de peiteado e mellorar a súa casa. Ao seu lado están Antonio e Sulamita, pais de Aroa, os seus irmáns e os tíos Josué e Selene, que exercerán un papel fundamental para axudarlles a abrirse camiño no mercado.

A terceira familia é a dos Jiménez Hernández, que destacan polo seu carácter, a súa alegría e a súa capacidade para converter calquera momento nunha celebración. Loli ‘Cuchi’ e Juan son os piares dunha familia que non deixou de medrar co paso dos anos e da que forman parte Amparito, Magi e Purita, que vive entre Vigo e León xunto ao seu marido, Eliseo, así como os netos. 

Hoxe, os Jiménez Jiménez afrontan os preparativos dunha voda

No primeiro programa de ‘Orgullo de familia’, os espectadores acompañarán os Jiménez Jiménez, de Ourense, nun momento especialmente importante para a familia, os preparativos da voda de Aitana. Xunto aos seus pais e familiares, porán rumbo a Valladolid para escoller os vestidos dun dos grandes acontecementos para a familia.

Mentres tanto, en Santiago de Compostela, Mikel Romero e Aroa Ventos enfróntanse a un reto decisivo nas súas vidas, o seu primeiro día traballando no mercado. Baixo a atenta supervisión dos seus tíos Josué e Selene, os dous mozos darán os primeiros pasos nun oficio que forma parte da tradición familiar e que pode axudalos a cumprir os seus proxectos de futuro.

Pola súa banda, os Jiménez Hernández vivirán unha das súas misións máis importantes e tamén máis concorridas, facer a compra do mes para toda a familia. Unha tarefa aparentemente sinxela que, coa enerxía, o carácter e o sentido do humor que os caracteriza, acabará converténdose nunha auténtica aventura.

'Orgullo de familia' constrúe o seu relato desde unha mirada íntima, vitalista e profundamente identitaria, ao corazón de tres familias xitanas galegas, poñendo o foco nas mulleres de cada familia como motor emocional e narrativo das historias. O programa, producido por Zenit TV, amosará o día a día de familias que conservan con orgullo as súas tradicións ao tempo que afrontan os desafíos do presente.

Tres familias, unha mesma forma de vivir e a vontade de compartir coa audiencia unha cultura que forma parte da identidade de Galicia.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade