div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

A TVG lanza unha nova convocatoria de 300.000 euros para proxectos dixitais

O director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, fixo o anuncio este venres na presentación no Parlamento de Galicia da Memoria de Servizo Público

O 95% dos contidos emitidos por Televisión de Galicia son producidos en Galicia

crtvg.gal 12/07/2024 14:23

Santiago, 12.07.2024.-    A Corporación de Radio e Televisión de Galicia lanza este venres unha convocatoria de contidos dixitais, dotada de 300.000 euros, para a produción de 12 novos proxectos destinados ás súas canles dixitais, nomeadamente á plataforma dixital AGalega.gal. A CRTVG dá continuidade deste xeito ao seu apoio aos profesionais galegos deste sector galego e á difusión de proxectos audiovisuais a través das súas canles. Así o comunicou hoxe o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, no Parlamento de Galicia, onde presentou a Memoria de Servizo Público de 2023.

Sánchez Izquierdo salientou que “2023 foi o exercicio no que se desenvolveron todas as melloras tecnolóxicas e de recursos que estamos a utilizar xa neste 2024, como o novo plató dos Servizos Informativos ou a plataforma dixital estreada en xaneiro pasado”.

O director xeral destacou tamén “a aposta pola televisión en directo, o selo de identidade dunha canle que aposta pola proximidade e a información de aquí. Nesta liña é moi salientable, e máis se se compara con outras canles autonómicas, o feito de que o 94,9% dos contidos emitidos por Televisión de Galicia son producidos en Galicia. Nesta aposta pola proximidade enmárcase o compromiso coa industria audiovisual galega, co talento e o tecido empresarial galego”.

Respecto da presenza e identificación dos medios públicos galegos no día a día dos galegos, Izquierdo sinalou a intensa relación co “maior número posible de eventos e festivais culturais, dos eidos do cine, o audiovisual, a música e o teatro, e de interese público” e “no eido máis social, a Corporación seguiu a súa colaboración con entidades como FAGAL, UNICEF, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, ou a Cruz Vermella”.

Sánchez Izquierdo achegou datos da enquisa desenvolvida en 2023 e recollida na súa totalidade no informe ‘Estados de Información non Financeira’ publicado no Portal de Transparencia e que indica, entre outros baremos, que: “o 85% dos galegos estima que a TVG é necesaria para que os galegos estean informados das noticias da comunidade e provincia, e o 86% di que TVG reflicte e fomenta a cultura galega e o seu idioma”.

Así mesmo, Izquierdo salientou a riqueza do intercambio social, educativo e lingüístico entre Galicia e Portugal e “a liña de traballo aberta coa RTP e o sector coa coprodución conxunta da serie de ficción ‘Motel Valkirias’, que acadou o Premio europeo CIRCOM, o décimo premio internacional para unha produción da CRTVG, ou o programa ‘Aquí Portugal’ emitido simultaneamente por ambas canles”. Este pasado domingo unha nova entrega do ‘Aquí Portugal’ desde A Guarda, con arredor de 6 horas de directo, acadou unha audiencia acumulada de preto de 2 millóns de persoas entre a RTP e a TVG.

No ámbito da igualdade, o director xeral tamén indicou que a CRTVG recibiu “unha vez máis -e xa van cinco anos seguidos- o indicador ‘Empresa Igual en Xénero’ do informe empresarial publicado polo servizo ARDÁN do Consorcio da Zona Franca de Vigo. Produción de contidos, atención informativa e igualdade plena na xestión dos recursos humanos conforman o preciso para seguir obtendo este recoñecemento que non é un fin en si mesmo, senón un apoio ao proceder da CRTVG neste eido, co que a Corporación se atopa absolutamente comprometida”, explicou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade