Especiais 'En Xogo' esta fin de semana para acompañar o Celta e o Deportivo en Vigo e Valladolid - CSAG
Especiais 'En Xogo' esta fin de semana para acompañar o Celta e o Deportivo en Vigo e Valladolid
Un empate do Celta o sábado en Vigo asegura a presenza celeste na Europa League
O domingo a atención trasládase a Valladolid, onde o Dépor pode volver a Primeira División
E antes, este venres, a G2 emite o terceiro partido dos cuartos de final polo ascenso á Liga ACB entre o Menorca e o Básquet Coruña

Santiago, 20.05.2026.- O equipo de Deportes da Televisión de Galicia programa para esta fin de semana dúas edicións especiais do histórico ‘En Xogo’ que os espectadores poderán ver a través da primeira canle.
O sábado, desde as 22:40 h, Gustavo Varela convida no plató a Roberto Lago, Andrés Túñez, Carme Méndez e Xabier Rodríguez Campos para analizar a última xornada da Primeira División en que o Celta pode rematar na sexta praza accedendo de xeito directo á Europa League. Ao equipo de Claudio bástalle un empate para conseguir o obxectivo ou que non gañe o Xetafe no seu compromiso ante o Osasuna. En canto remate o partido que se disputa en Balaídos, Tomás Alonso, Loreto Costa e Cristian Romero encargaranse de trasladarlle á audiencia todo o que suceda sobre o terreo de xogo, nos exteriores e, se cadra, nunha nova concentración festiva na praza América.
O domingo, desde as 20:10 h, a TVG atenderá ao desenlace do encontro entre o Valladolid e o Deportivo, en que o cadro coruñés pode celebrar o ascenso á Primeira División en caso de gañar e incluso sen sumar os tres puntos daría o salto de categoría beneficiado polos resultados dos seus rivais directos. Patricia Rodríguez Juste estará no estadio José Zorrilla, que vai semellar un pequeno Riazor. Na Coruña, Xosé Antón Fraga transmitirá todo o que aconteza na fan zone e Cristian Romero estará preparado na fonte de Catro Camiños, o lugar de encontro dos deportivistas nos mellores momentos da historia. Desde o estudio debaterán sobre a temporada desenvolvida polo equipo de Hidalgo os especialistas Tito Ramallo, Miriam Ríos e Dani Mallo.
Ademais da programación especial na primeira canle da TVG nunha semana que pode ser histórica para os dous grandes do fútbol galego, a G2 e a plataforma AGalega.gal ofrecen un completo programa de retransmisións que abarca squash, baloncesto, fútbol, motocrós, vela e balonmán.
Antes, este mesmo venres, ás 21:00 h, chegará o terceiro partido dos cuartos de final polo ascenso á Liga ACB entre o Menorca e o Básquet Coruña. Tras gañar no Coliseum os dous primeiros partidos, os herculinos están a unha vitoria de meterse na final a catro do mes de xuño.
Máis deportes, na fin de semana
O sábado, ás 18:30 h, a G2 ofrecerá o Pontevedra-Avilés no que os granates deben certificar a clasificación para a fase de ascenso á Segunda División profesional. Mentres, AGalega.gal emitirá no formato multifútbol desde as seis o desenlace dos cuartos de final polo ascenso á Segunda RFEF: Compostela-Vilalbés e Arteixo-Estradense.
O domingo, ás 10:30 h, a G2 e AGalega.gal ofrecerán as semifinais e a final do torneo de fútbol base Arousa Fútbol 7 Cup que se disputa no campo da Senra, en Ribadumia. A partir das 12:30 h, AGalega.gal reserva unha ventá para a final feminina do aberto de squash en Santiago de Compostela. Ás 14:25 h volverá o motocrós co Gran Premio de Francia, pertencente ao Mundial MXGP. Outro dos deportes convidados o domingo é a vela, a partir das 16:00 h, coa saída da regata Le Figaro desde o porto de Vigo. Ademais, ás 17:00 h, AGalega.gal emitirá o encontro de fútbol entre a U. D. Ourense e o Conquense, na ida da final de ascenso á Primeira RFEF. Para pechar a xornada, ás 19:00 h, a G2 e AGalega.gal emitirán en directo a final de balonmán entre o Club Balonmán Guardés e o Michalovce de Eslovaquia. Tras gañar por catro goles na ida, o cadro galego está a sesenta minutos de entrar na historia como o primeiro club galego en conquistar un título do balonmán internacional.