A TVG participa no proxecto 'Holoconferencias e realidade estendida' presentado hoxe na BBC en Londres - CRTVG
A TVG participa no proxecto 'Holoconferencias e realidade estendida' presentado hoxe na BBC en Londres
A proposta, promovida pola empresa galega Tesla Technologies e apoiada polos medios públicos galegos e a produtora Filmax, busca captar investidores para o seu desenvolvemento
Entre as aplicacións posibles do proxecto destaca a inclusión de hologramas nos directos de televisión
‘Bibopalula’, de Xabarin.gal ao Kidscreen Summit de San Diego

Santiago, 12.02.2025.- O proxecto ‘Holoconferencing and Social XR for Education, Telecommunication, and Entertainment” (HIS-XR)’ apoiado pola CRTVG, preséntase este mércores en Londres na xornada de innovación organizada polo IBC Accelerator Media Innovation Programme, programa internacional de innovación aplicada á industria dos medios de comunicación da International Broadcasting Convention (IBC).
En colaboración coa empresa de Santiago de Compostela TESLA Technologies, a CRTVG está a apoiar o proxecto HIS-XR, que conta con múltiples aplicacións entre as que destaca a inclusión de hologramas nos directos en televisión. Deste xeito, búscase que un convidado, a través dun holograma, poida integrarse no relato narrativo dos programas. O HIS-XR preséntase no marco do 2025 Kickstart Day do IBC xunto con outros once proxectos que compiten para ser seleccionados.
A BBC acolle a xornada na súa sede central de Londres, coa presenza de profesionais de canles de comunicación e produción de entretemento de toda Europa, entre eles a xefa de Innovación no Entorno Dixital da Corporación, Esther Medina, e cun amplo programa arredor da innovación aplicada ao sector audiovisual. Este proxecto de realidade aumentada abre un novo camiño no eido da innovación na Corporación, que traballa para unir tecnoloxía e servizo público e ofrecer así contidos inmersivos nun futuro próximo.
Bibopalula preséntase no Kidscreen de San Diego
Por outra parte, tamén no eido da internacionalización, a primeira serie musical de animación en galego ‘Bibopalula’, participa esta semana no Kidscreen Summit, o foro profesional do sector especializado en contidos infantís e xuvenís que se celebra en San Diego (California, EUA).
Este produto feito para a TVG pola produtora Undodez está a explorar mercados internacionais para súa expansión tralo éxito acadado desde a súa estrea no mes de novembro na plataforma Xabarin.gal, onde se colocou desde o primeiro intre como o contido máis visto desde o lanzamento.
Xabarin.gal, lanzada en xaneiro de 2024, é a maior plataforma de contidos audiovisuais en galego do mundo.
