O equipo da nova serie da TVG, 'Pensión incompleta' na gala do Festival Internacional Ría de Vigo - CSAG
O equipo da nova serie da TVG, 'Pensión incompleta' na gala do Festival Internacional Ría de Vigo
O público da gala de clausura do festival puido ver en exclusiva o tráiler de ‘Pensión incompleta’, a coprodución da TVG con EiTB e 3Cat gravada nas catro linguas oficiais
‘Millonarios’, unha das novas apostas de ficción da Corporación, estreouse tamén na gala de clausura do festival no certame vigués que rematou este venres

Santiago, 12.06.2026.- O equipo de actores e actrices da nova produción da Televisión de Galicia ‘Pensión incompleta’ acudíu este venres en Vigo ao Festival Internacional de Series Ría de Vigo, punto de encontro clave do sector audiovisual, creadores, intérpretes e público afeccionado ás series. A proxección do tráiler da serie, a primeira que se grava nas catro linguas oficiais –galego, castelán, éuscaro e catalán- tivo lugar na gala de clausura do certamen, no que tamén se preestreou a comedia ‘Millonarios’ que chegará á grella da TVG o vindeiro outono.
'Pensión incompleta’ é unha comedia con aires de thriller en que un grupo de viaxeiros do Imserso procedentes de distintas rexións de España se ve envolto nunha trama de roubos de obras de arte. Coproducida por TVG, EiTB e 3Cat, é a primeira serie rodada nas catro linguas oficiais do Estado -galego, éuscaro, catalán e castelán-. Voz Audiovisual produce esta road movie pensada para ser gozada en versión orixinal que pasa por todas as comunidades e na que mandan os maiores de 60.
Como media partner do certame, a Televisión de Galicia tamén adiantou na gala de clausura do festival, o primeiro capítulo da comedia ‘Millonarios’ unha das grandes apostas de ficción da TVG para a vindeira temporada. Protagonizada por Xosé A. Touriñán e Eva Iglesias, a serie narra as aventuras de Telmo e Luísa, unha parella que ve como a súa vida dá un xiro radical tras gañar o Euromillón. Haberá tamén espazo para o coloquio sobre esta comedia que constrúe unha divertida mirada sobre o contraste entre os códigos de luxo e o sentido común máis galego, seguindo as peripecias dos protagonistas na súa nova realidade.