A TVG retransmite este sábado a final de ascenso á Segunda División entre o Celta Fortuna e a Ponferradina - CSAG
A TVG retransmite este sábado a final de ascenso á Segunda División entre o Celta Fortuna e a Ponferradina
O venres, decisivo Igualada-Liceo pola liga de hóckey sobre patíns

Santiago, 18.6.2026.- A Televisión de Galicia ten preparada para esta fin de semana unha ampla despregadura de retransmisións que repartirá a través das dúas canles de TDT e a plataforma AGalega.gal.
A G2 e AGalega.gal ofrecen o venres desde as sete da tarde o terceiro partido da final da OK Liga de hóckey sobre patíns entre o Igualada e o Liceo. Tras as dúas vitorias no palacio dos deportes de Riazor, o equipo coruñés está a cincuenta minutos de conseguir o segundo título da temporada logo de conquistar hai uns meses a Copa do Rei ante o Calafell. En caso de perder, a final prolongaríase polo menos ata o domingo, coa celebración do cuarto punto que está programado para as oito e media do serán. De se disputar, os espectadores tamén poderían seguir o xogo a través da segunda canle da TVG e da plataforma AGalega.gal.
O sábado, a partir das seis e media da tarde, a primeira canle da Televisión de Galicia retransmitirá en directo desde Balaídos o partido histórico entre o Celta Fortuna e a Ponferradina, que pode situar o filial olívico no fútbol profesional. O empate a cero do Toralín permítelle ao equipo de Fredi xogar coa baza de que outra igualada tras prórroga abondará para dar o salto de categoría. Así e todo, o rival berciano vén de eliminar o filial do Atlético de Madrid nas semifinais gañando o partido de volta no campo colchoeiro. Por primeira vez na temporada, o Celta abre todas as bancadas do estadio de Balaídos co obxectivo de que o campo sexa unha caldeira que xogue a favor da canteira celeste.
Mentres, o domingo ás 12:30 do mediodía chegará a través da G2 e de AGalega.gal o partido de volta da final nacional de ascenso á Segunda RFEF entre o Badalona e o Compostela, con clara vantaxe para os santiagueses tras vencer na ida por 3-0, no estadio Vero Boquete. O equipo que prepara Secho viaxa sabendo que o adversario foi quen de eliminar o Cornellá na anterior eliminatoria, despois de remontar no seu campo o 4-1 encaixado en Cornellá.
Ás tres e ás cinco da tarde o protagonismo será para o motor coas dúas mangas do Gran Premio de Italia do Campionato do Mundo de MXGP, que regresa cunha novidade histórica. O circuíto Miravalle de Montevarchi, no val do Arno, acolle por primeira vez un gran premio, despois de 18 anos de ausencia do motocrós de elite na zona. Rubén Fernández, que compite con Honda, chega a Montevarchi como un dos referentes do pelotón. Tras o podio logrado en Alemaña, o vigués quedou sétimo no Gran Premio de Letonia. O piloto vigués marcha sétimo no campionato con 247 puntos, a 157 do líder, o belga Lucas Coenen.
Deportes nos telexornais
Durante a fin de semana, os espectadores estarán informados do que pase no mundo do deporte a través dos espazos especializados no ‘Bos Días’, ‘Telexornal Mediodía’ e ‘Telexornal Serán’. Os resumos dos partidos do Mundial destacarán o sábado o que suceda no Escocia-Marrocos, Brasil-Haití, Turquía-Paraguai e Países Baixos-Suecia. O domingo, a oferta repartirase con este calendario: Alemaña-Costa do Marfil, Ecuador-Curaçao, Tunisia-Xapón e España-Arabia Saudita.
