AGalega.gal estrea este mércores 23 de abril, Día do Libro, o documental 'Os espazos en branco', gañador dun Mestre Mateo - CRTVG
AGalega.gal estrea este mércores 23 de abril, Día do Libro, o documental 'Os espazos en branco', gañador dun Mestre Mateo
Nel, Bruno Arias, sobriño da poeta, filóloga e tradutora Xela Arias, amosa o lado máis descoñecido da súa tía, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas de 2021
Desde hoxe mesmo está dispoñible na plataforma da CRTVG a segunda temporada da microserie de humor ‘Mataría’, protagonizada polo finado Pedro Brandariz
Outra estrea destacada desta semana é a película ‘Revolución sen sangue’, que se poderá ver a partir do venres e que conta a historia de catro mozos que morreron durante a Revolución dos Cravos, que acabou co réxime ditatorial en Portugal

Santiago, 21.04.2025.- Este 23 de abril, Día do Libro, AGalega.gal estrea o documental gañador do Premio Mestre Mateo 2024: ‘Os espazos en branco’. Nel, Bruno Arias, sobriño da poeta, filóloga e tradutora Xela Arias, amosa o lado máis descoñecido da súa tía, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas de 2021. Bruno non lembra case nada dela, xa que morreu cando tiña só 5 anos. 20 anos despois, decidiu facer unha película sobre o seu proceso de coñecemento e conexión coa súa memoria.
Outra estrea destacada desta semana é a película ‘Revolución sen sangue’, que chegará á plataforma dixital dos medios públicos galegos o venres 25. Baseada en feitos reais, esta película portuguesa conta a historia de catro mozos que morreron o 25 de abril de 1974 en Lisboa, durante a Revolución dos Cravos que acabou co réxime ditatorial do chamado ‘Estado Novo’.
O catálogo de cinema de AGalega.gal tamén se ampliará durante estes días cos filmes ‘Enfrontados’ (xoves), unha cinta de adrenalina e suspense en que o coronel confederado Morsman Carver crea un grupo para capturar o seu inimigo Gideon, un oficial da Unión; ‘Persecución ao límite’ (venres), protagonizado por Casey Stein, un mozo que volveu involucrarse cun xefe da mafia, do que xa fora empregado, para saír vitorioso dunha confrontación co perigoso narcotraficante Hagen, e ‘O home do norte’ (sábado), sobre un príncipe nórdico que emprende unha misión para vingar a morte do seu pai que deixará un regueiro pavoroso de sangue e destrución. Todos eles estarán dispoñibles durante 7 días.
Ademais, desde hoxe mesmo está dispoñible na plataforma da CRTVG a segunda temporada da microserie de humor ‘Mataría’, protagonizada polo finado Pedro Brandariz. Achega unha historia de comedia irreverente en que o personaxe principal, un antiheroe anónimo, afronta as pequenas crises cotiás dun modo desmesurado. O personaxe central da serie ‘asasina’ das maneiras máis insospeitadas aquelas persoas que o alporizan no día a día.
E mañá chegará a AGalega.gal o cuarto capítulo da serie ‘Punto Nemo’, en que os espectadores verán como Nazareth arrisca a súa vida para liberar a Mónica e Jota, atrapados nas profundidades.