AGalega.gal estrea este mércores a miniserie 'Dó para principantes' - CSAG
AGalega.gal estrea este mércores a miniserie 'Dó para principantes'
Durante este semana chegarán á plataforma dos medios públicos galegos novas entregas dos programas ‘Terra de cómics’, ‘Bótalle azucre’ e ‘Galicia Vertical’
O catálogo de cinema ampliarase estes días coas películas ‘Respira’, ‘A Colonia’ e o aclamado filme de animación ‘O Apóstolo’

Santiago, 28.10.2025.- Ademais de continuar salientando as novas incorporacións da programación da TVG, AGalega.gal ofrecerá durante esta semana unha variada selección de contidos que combinan cultura, ficción, cinema e produción galega.
Así, a plataforma dixital dos medios públicos galegos estreará o mércores, en exclusiva e de xeito íntegro, a miniserie ‘Dó para principiantes’, de 6 capítulos de 12 minutos. A historia segue a Harry, quen debe afrontar a perda dos seus pais na mesma semana, enfrontándose tamén ao seu maior medo: a soidade. O reencontro coa súa irmá adoptiva, unha muller peculiar que vive acampada nun cemiterio, axudaralle a comprender que o loito non sempre segue as regras establecidas.
Ademais, desde o luns está dispoñible unha nova entrega do programa ‘Terra de cómics’. Desta volta, o ilustrador Luis Yang abre as portas do seu estudo na Coruña para compartir o proceso creativo do seu traballo, caracterizado polo uso de técnicas tradicionais de debuxo. O episodio afonda nas súas influencias e na súa traxectoria dentro da banda deseñada galega.
A influencer Anita Mateu regresará o xoves 30, cun novo capítulo de ‘Bótalle azucre’, a serie en que continúa a súa divertida carreira para conseguir o título oficial de galego. Un formato fresco e entretido que mestura humor, aprendizaxe e identidade.
Ese mesmo día chegará a AGalega.gal a película ‘Respira’, un retrato intenso da amizade e do risco na costa australiana dos anos 70. Trátase dunha historia visualmente poderosa sobre liberdade, mocidade e superación, que estará dispoñible durante 30 días.
O catálogo de cinema da plataforma tamén se ampliará o venres 31, por partida dobre. A primeira das películas que se porá a disposición, durante 30 días, será ‘A Colonia’, situada nun futuro próximo, en que, tras unha catástrofe global, unha colonia espacial envía un grupo de astronautas á Terra para avaliar se o planeta pode volver ser habitable. A protagonista deberá decidir o destino das dúas civilizacións que sobreviven á destrución.
E, como estrea especial de Samaín, os usuarios de AGalega.gal poderán ver ‘O Apóstolo’, aclamada película de animación en que se dan a man espíritos, desaparicións e humor negro. O seu protagonista é un convicto fuxido que regresa a unha aldea remota na busca dun botín agochado, pero o que atopa supera calquera condena.
Finalmente, o sábado, primeiro día de novembro, estrearanse os últimos capítulos de ‘Galicia Vertical’. A serie documental exclusiva de AGalega.gal pecha temporada con dúas novas aventuras. Unha delas será en Budiño (O Porriño), onde a nova escaladora Araceli Vale afrontará un reto técnico nas formacións graníticas próximas ao Atlántico, explorando a evolución da escalada galega nun espazo emblemático. Ademais, nos Castros de Baroña (Porto do Son), o escalador Ricardo Ferreiro desafiará o vento e a pedra atlántica nunha ascensión que combina patrimonio, natureza e deporte.