div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

AGalega.gal estrea este mércores en exclusiva o programa 'O Armario', dirixido á xeración Z

Amosará como empregan algúns dos galegos máis coñecidos nas redes sociais o seu roupeiro e cales son as súas pezas preferidas

O venres, a plataforma dixital da CRTVG ofrecerá en directo o concerto do dúo Fillas de Cassandra no Festival de Ortigueira

A oferta de cinema tamén segue medrando, coa incorporación ao catálogo o 12 de xullo da produción francesa ‘Xubilación imposible 2’

Ademais, Xabarin.gal porá a disposición da audiencia os primeiros dez capítulos da serie de animación ‘Osmar, a primeira rebanda do pan de molde’

crtvg.gal 08/07/2024 14:25

Santiago, 08.07.2024.- AGalega.gal suma esta semana novos contidos, entre os que se atopa ‘O armario’, un programa exclusivo da plataforma da CRTVG, dirixido á Xeración Z, en que os espectadores descubrirán como empregan algúns dos galegos máis coñecidos nas redes sociais o seu armario e cales son as súas pezas de roupa preferidas, entre outras cousas. Estará dispoñible a partir do mércores 10 de xullo.

O venres 12 de xullo a CRTVG trasládase ao Festival de Ortigueira, que desde hai máis de catro décadas é un dos referentes musicais do verán en Galicia e unha cita ineludible para os amantes da música folk de todo o mundo, para retransmitir en directo (00:50 h) por AGalega.gal a actuación dunha das novas promesas da música galega: Fillas de Cassandra. Este dúo interpreta temas que fusionan melodías tradicionais con ritmos contemporáneos, o que as converteu nun dos grupos de referencia da escena trad. As súa proposta aposta pola creación de novas líricas, con influencias que beben da tradición oral, a electrónica ou a música clásica.

A oferta de cinema tamén segue medrando na plataforma dixital dos medios públicos: o venres estréase ‘Xubilación imposible 2’, unha divertida produción francesa de 2022 que conta a historia duns avós que pensan que van gozar dunha tranquila xubilación ata que chegan os netos a cambialo todo. Está dirixido a maiores de 7 anos.

Ademais, este mesmo luns poderán comezar a consumirse os capítulos dos novos programas ‘Fake News’ e ‘Confidencias’, tras as súas emisións na TVG. E o martes  estará dispoñible a cuarta emisión de ‘Música no foco’, en que distintos autores da música contemporánea galega interpreten un dos seus temas nun marco natural. Desta volta, estará protagonizada por Filloas, artista de pop urbano en galego, e a canción ‘NPC’ na Fervenza de Casariños, en Fornelos de Montes. Ese mesmo día, estarán dispoñibles ao completo todas as temporadas da serie de éxito ‘Serramoura’, un thriller rural que se desenvolve nunha aparentemente tranquila vila do interior galego.

O xoves chegará á AGalega.gal o documental ‘Xosé Conce Corbal, creación e compromiso’, sobre a figura do pintor pontevedrés, influenciado pola xeración Nós e cunha extensísima obra ás súas costas. O seu fardel componse de retratos, prazas, feiras, fauna e paisaxes; mais tamén reserva un espazo para a denuncia social cunha escura serie sobre os terribles sucesos da Guerra. Tamén se publicará un novo capítulo de ‘Raíña-me’, un contido exclusivo de AGalega.gal en que a artista Alexa Evans abre as portas do seu ‘Odragoiro’ a unha convidada especial, neste capítulo, a creadora dixital Leti da Taberna, para transformar o seu aspecto por completo.

Estrea en Xabarin.gal de ‘Osmar, a primeira rebanda do pan de molde’

Ademais destas emisións, o mércores 10 de xullo será a estrea en Xabarin.gal da serie de animación ‘Osmar, a primeira rebanda do pan de molde’, que conta a historia dunha tapa do pan de molde que comparte apartamento coa baguette Stevie. Os dous sobreviven aos infortunios do día a día como poden, métense en leas e toman malas decisións. Poranse a disposición do público os dez primeiros capítulos, engadindo un novo cada semana.

Tamén chegan a Xabarín.gal os contidos dos finalistas e gañadores de ‘Nós tamén creamos 2024’, un concurso de curtas realizado por estudantes das escolas de Galicia.

Os medios públicos lanzaron en xaneiro a nova plataforma dixital AGalega, desde onde se emiten os directos correspondentes ás dúas canles, TVG e G2, así como máis de 13.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, no que é a maior oferta de contido na nosa lingua. Desde o 17 de xaneiro, preto de 750.000 persoas accederon ao conxunto de plataformas da CRTVG en 4,4 millóns de sesións, converténdoas na referencia dos contidos audiovisuais non só á carta, senón tamén de directo, xa que AGalega.gal tamén integra os sinais de TVG e a G2 na súa oferta, elemento este diferencial con respecto a outras plataformas, o que fai que a televisión lineal ampliara desde xaneiro o seu alcance máis aló do tradicional consumo a través do aparello de televisión.

Tanto AGalega como as app AGalegaAudio e Xabarín son gratuítas e están á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. Actualmente, á AGalega AGalegaAudio e a Xabarín pode accederse vía web e tamén poden descargarse desde Google Play e Apple Store, Chromecast e nas principais televisións intelixentes.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade