div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

AGalega.gal estrea hoxe en exclusiva 'Somos criminais', con Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán

A oferta da plataforma dixital segue medrando con concertos, todos os episodios de ‘Mareas Vivas’ e a película ‘A familia que ti elixes’

Estrea tamén en Xabarin.gal coa chegada este xoves da serie belga ‘Lucas etc’ e o venres da película de animación francesa ‘Mamá é pura chuvia’

crtvg.gal 22/05/2024 14:47

Santiago, 22.05.2024.-    A plataforma dixital AGalega.gal segue a incorporar contidos cada semana e aumentando a súa proposta de ficción e entretemento en galego. Este mércores AGalega.gal estrea en exclusiva ‘Somos criminais’, un dos espectáculos de teatro de máis éxito da escena galega, en que os actores Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán analizan Galicia e os seus habitantes para saber como somos e porque somos como somos. A produción, unha montaxe de Ainé Producións, poderá verse tamén na TVG o sábado no espazo ‘Fila 1. Butaca G’ (22:00 h).

Os fans da serie de culto ‘Mareas Vivas’ dispoñen desde hoxe de todos os seus capítulos, xa que á primeira temporada, dispoñible desde xaneiro en AGalega.gal, súmanse as nove temporadas restantes. E o xoves, 23 de maio, chegará á plataforma o concerto ‘AGalegafest’, gravado na Sala Inn da Coruña, que conta coas actuacións de, entre outros, os artistas Mondra, Grande Amore, Ortiga e Boyanka Kostova.

E o venres incoporarase ao catálogo de cinema a película ‘A familia que ti elixes’, filme de 2019 que ten como protagonistas a Shia LaBeouf, Dakota Johnson e Zack Gottsagen e que narra a historia dun mozo con síndrome de Down que foxe da súa residencia para perseguir o seu soño de converterse en loitador profesional.

Novos contidos en Xabarín.gal

As novidades tamén chegan estes días a Xabarin.gal, a app para os máis pequenos da casa. O xoves estréase a serie ‘Lucas etc’, unha produción belga centrada nun rapaz de 12 anos que chega a unha nova familia adoptiva e ten que aprender rapidamente a adaptarse á nova situación.

E o venres estrearase en Xabarin.gal a mediametraxe de animación francesa ‘Mamá é pura chuvia’, cinta que foi candidata a mellor especial de animación nos Premios Annie de 2021, e que desenvolve dúas fermosas historias cheas de maxia e tenrura que abordan a xestión das emocións dos máis miúdos da casa.

Os medios públicos lanzaron en xaneiro a nova plataforma dixital AGalega, desde onde se emiten os directos correspondentes ás dúas canles, TVG e G2, así como máis de 10.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, no que é a maior oferta de contido na nosa lingua.

Tanto AGalega como as apps AGalegaAudio e Xabarin son gratuítas e están á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. Actualmente, á AGalega AGalegaAudio e Xabarín pode accederse vía web e tamén poden descargarse desde Google Play e Apple Store, Chromecast  e nas principais televisións intelixentes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade