AGalega.gal recupera programas emblemáticos da Galega no 'Especial 40 anos da TVG' - CRTVG
AGalega.gal recupera programas emblemáticos da Galega no 'Especial 40 anos da TVG'
Incluirá programas emitidos entre 1985 e 1994 como ‘Boa noite’, ‘Ruada’, ‘Entre nós’, ‘A tumba aberta’, ‘O veciño do xoves’, ‘Unha de romanos’ ou ‘A familia mudanza’
Tamén se incorporan á plataforma os primeiros episodios de ‘Lume’, ‘Fanáticos’ e ‘Raíña-me’, ademais da curtametraxe ‘Habitar’
A plataforma propón concertos en directo do festival PortAmérica, entre eles os de de La La Love You, Carla Lourdes e Travis Birds
E o venres estréase ‘Lixa e verniz’, en que a carpinteira Daniela Linares restaura e regala unha nova vida a mobles e obxectos

Santiago, 01.07.2025.- AGalega.gal arrinca o mes de xullo recuperando contidos emblemáticos da historia da TVG organizados por décadas. Na sección ‘Especial 40 anos da TVG: Os programas da túa vida’, dispoñible desde este martes, poderase mirar aos anos 80 e 90 con programas emitidos na TVG entre 1985 e 1994 como ‘Boa noite’, ‘Ruada’, ‘Entre nós’, ‘A tumba aberta’, ‘O veciño do xoves’, ‘Unha de romanos’ ou ‘A familia mudanza’. Todos eles son auténticas xoias documentais que amosan como era a sociedade do momento, quen protagonizaba a actualidade e como medraba o talento no audiovisual galego.
Ademais, os usuarios da plataforma dixital teñen xa a súa disposición os primeiros episodios de ‘Lume’, unha serie de ficción en galego e portugués cunha trama incendiaria con fondo social e ecolóxico, e ‘Fanáticos’, programa en que o influencer Juan Sieira percorre festivais do país para entregar a pandeireta do programa a grandes artistas. O capítulo de lanzamento ten como protagonista a cantante Bad Gyal no Son do Camiño.
Concertos en directo desde o festival PortAmérica
O mércores 2 chega a AGalega.gal ‘Habitar’, curtametraxe que propón unha reflexión sobre a identidade a través do retrato íntimo de persoas transxénero e non binarias en Galicia. O xoves 3 incorpórase un novo episodio de ‘Raíña-me’, con Alba Mancebo como protagonista, e a película ‘Non llo digas a ninguén’, un thriller que mestura suspense e emoción. Ese mesmo día retransmitiranse en directo dous concertos desde o festival PortAmérica, entre eles o de La La Love You.
Esta semana cómpre destacar tamén a estrea de ‘Lixa e verniz’ (venres 4), programa en que a carpinteira Daniela Linares amosa como restaurar mobles e obxectos para darlles unha nova vida. Ese día emitiranse, amais, dous concertos en directo de PortAmérica, con artistas como Marisa Valle Roso.
E durante a fin de semana, poderá verse o filme ‘Róise e Frank’ (sábado 5), dispoñible durante 30 días na plataforma. A película narra a historia dunha viúva que comeza a crer que o seu defunto marido reencarnou nun can. Amais, o sábado a plataforma transmitirá os concertos de Carla Lourdes e Travis Birds desde PortAmérica. E o domingo 6 publicarase unha nova entrega con cinco capítulos do programa ‘Pais en apuros’, conducido por María Mera, en que se ofrecen respostas ás dúbidas de pais e nais galegos, dun xeito didáctico e divertido.